Autónomas e autónomos denuncian que non están a funcionar os avais

Marzo remata con 1.134 traballadoras e traballadores por conta propia menos. A Federación de Autónomos da Galiza (FEAGA) reclama medidas de apoio.

negocios
photo_camera Negocios fechados

Galiza rematou o mes de marzo con 1.134 traballadoras e traballadores por conta propia menos. Agora hai no noso país, baixo esta condición laboral, un total de 207.163 persoas, segundo os datos trasladados esta cuarta feira 15 de abril pola Federación de Autónomos da Galiza (FEAGA).

Esta organización informa de que as comarcas da Coruña seguen liderando a cifra de traballadoras e traballadores por conta propia, con 84.151; séguenlle as de Pontevedra, con 66.257; en terceiro lugar as de Lugo que chegan a 33.417; e pechan as de Ourense, con apenas 23.337.

Críticas ao Goberno español

A federación galega critica que o Goberno español siga "negándose" a tomar as medidas que necesita o colectivo e que, segundo indican, non son outras que a "supresión de impostos e custos sociais" até que remate  o parón da actividade que teñen polo estado de alarma.

Demandan axudas directas para os custos fixos que manteñen empresas e persoas autónomas e plans de recuperación para a reactivación da actividade.

En relación ás medidas aprobadas, o atraso do pago dos impostos do trimestre aos que teñen que facer fronte autónomas e autónomos até o 20 de maio, sinalan que "de onde pensa o goberno que Pemes e autónomas van sacar o diñeiro para pagar o 20 de maio, se continúa, como parece, o confinamento e non poden ingresar".

Os avais non funcionan

Desde FEAGA acusan o Executivo estatal  de "tomar o pelo" á cidadanía e denuncian que "tampouco están a funcionar os avais" e "moitos ERTE están a denegarse por motivos peregrinos".

Rexeitan tamén que haxa que agardar até maio por "axudas en forma de prestación por cesamento de actividade", así como polos “salarios das traballadoras e traballadores" mentres "as cotas ou os alugueres non se  hibernan".

Comentarios