Autónomas e autónomos piden “medidas urxentes” para evitar “a ruína absoluta”

A Federación Estatal de Asociacións de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) quere que o último Consello de Ministras de marzo atenda as súas solicitudes entre as que figura aprazar os trámites impositivos e obrigacións tributarias do primeiro trimestre.

Traballador pechando o seu local. (Foto: Europa Press)
photo_camera Autónomo pechando o seu local (Nós Diario)

As medidas adoptadas até agora polo Goberno español non están a satisfacer ao amplo colectivo de autónomas e autónomas. A Federación Estatal de Asociacións de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) propuxo ao executivo que lidera Pedro Sánchez, unha batería de actuacións que consideran “urxentes” para que as teña en conta no Consello de Ministras previsto para esta última terza feira de marzo.

A iniciativa de ATA, segundo explican é evitar a "ruína absoluta" deste  colectivo.  Nunha publicación de Twitter o seu presidente, Lorenzo Amor, solicita a suspensión da cota de autónomas e autónomos dos meses de marzo, abril e maio.  

Como a do mes de marzo xa foi abonada, pediron que sexa devolta "de maneira inmediata" e que non se cobren recargas. Tamén pediron que estean exentos aquelas membros deste colectivo que se contaxiaron da Covid-19 ou estean en corentena obrigatoria.

Desde esta organización tamén reclamaron a suspensión de todos os trámites impositivos e obrigacións tributarias do primeiro trimestre e aprazar a súa presentación ao mes de xullo e non para este mesmo mes de abril como estaba fixado.

En relación ás prestacións extraordinarias por cesamento de actividade, reclamaron que se reduza o limiar, de 75% a 30%, e que o prazo de goce estea prolongado a tres meses.

Outra das medidas propostas desde ATA e a petición de permitir a cobranza da prestación tamén a quen perciba outra que non chegue a 50% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e que se inclúa aos supostos de forza maior aquelas actividades que xa non son consideradas esenciais.

Por último as autónomas e autónomos solicitaron que se elimine a obrigatoriedade do mantemento do emprego durante seis meses desde a continuación da actividade e estabelecer a data de finalización dos Expedientes de Regulación de Emprego Temporal ERTE un mes posterior á finalización do estado de alarma.

Comentarios