venres 03/12/21

A Audiencia Nacional acorda o nomeamento dun administrador xudicial para Alu Ibérica

O novo interventor terá que elaborar un informe sobre a situación real da empresa nun prazo de dous meses. A compañía estuda recorrer a decisión.
Traballadores de Alu Ibérica nunha concentración para pedir actuar sobre a factoría. (Foto: Comité de Empresa).
Traballadores de Alu Ibérica nunha concentración, en maio, para pedir actuar sobre a factoría. (Foto: Comité de Empresa).

Alu Ibérica, con plantas na Coruña e Avilés, intervidas desde hai meses por ver a Audiencia Nacional indicios de descapitalización nas sucesivas operacións de venda (de Alcoa a Parter e deste a Grupo Risco), quedará en mans dun administrador xudicial.

Así o decidiu o xulgado central de Instrución número 3 de Madrid da Audiencia Nacional, nunha decisión que se adopta por seis meses, en principio, mais revisábel. A intención deste movemento é "asegurar a protección das sociedades intervidas, así como dos dereitos dos acredores e os traballadores" das sociedades empresariais.

O auto, que data do 27 de xullo, indica que o novo administrador deberá tomar posesión do cargo nos cinco días seguintes a que se notifique a resolución. Ademais, recaerá sobre esa persoa o encargo de "emitir informe sobre a situación respecto da solvencia financeira real" das compañías nun prazo de dous meses.

E é que, segundo a xuíza, no informe do 11 de xuño deste ano presentado polos interventores xudiciais -que levan ao cargo desde que se interveu Alu Ibérica-, descríbense "determinados feitos que permiten concluír" que as sociedades intervidas non dispoñen de procedementos formalizados e de controis internos que permitan dar "unha seguridade razoábel no exercicio das funcións de intervención xudicial".

Igualmente, nese escrito aparece destacado o feito de que as sociedades "incumpriran de forma reiterada os requirimentos de información realizados pola intervención xudicial" e que son precisos para coñecer a realidade das empresas.

Ademais, "detectáronse indicios de falsidade en determinados documentos remitidos aos interventores, así como contradicións nas manifestacións realizadas polos xestores das sociedades intervidas".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"Aprobaron numerosos actos e operacións sen a preceptiva autorización xudicial e/ou dos interventores xudiciais, incumprindo adicionalmente outros requisitos estabelecidos no auto de intervención xudicial", engade o fallo da maxistrada da Audiencia Nacional.

Empresa e persoal

Pola súa banda, a empresa vai pedir unha aclaración do auto ditado pola xustiza e despois, "seguramente", recorrerá a medida, segundo informaron fontes de Alu Ibérica. Neste sentido, a firma alude a que a intervención causará "danos irreversíbeis" para as factorías.

O comité de empresa ten previsto facer a súa valoración oficial da situación nesta quinta feira, dado que está prevista unha concentración diante da fábrica do polígono coruñés da Grela ás 12 horas.

A Audiencia Nacional acorda o nomeamento dun administrador xudicial para Alu Ibérica
comentarios