O atraso na apertura das ferraxarías pon en perigo máis de 10.000 empregos

O sector contribúe á economía galega con 1.685 millóns de euros ao ano.
Ferraxería comercio tenda (Rioboo Prada)
photo_camera Ferraxaría fechada onte en Compostela. (Rioboo Prada)

O sector de bricolaxe e ferraxaría foi un dos grandes esquecidos no estado de alarma. As súas perdas coinciden coas do resto de comercios que tiveron que fechar durante o confinamento. O impacto económico que teñen pon de relevo que o seu produto marcou todo este tempo o bo funcionamento doutros sectores que se abastecían para atender de maneira exclusiva profesionais.

Bricolaxe e ferraxaría xera na Galiza un volume de vendas anual por valor de 619 millóns de euros de facturación, segundo un informe do Foro de Regulación Intelixente (FRI). A partir das súas relacións con outras industrias complementarias e provedores, achega 1.066 millóns de euros máis de movemento económico inducido. Noutras palabras, que o sector contribúe á economía galega con 1.685 millóns de euros ao ano.

Se falamos en termos de emprego, este sector xera máis de 10.300 postos de traballo na nosa terra, dos que 8.400 están afectados por un expediente de regulación de emprego (ERTE) e outros 1.900 xa se atopan en situación de desemprego. 

Venda a profesionais

As poucas ferraxarías que se mantiveron abertas xestionaron as súas vendas por encargo e a profesionais. Outras abriron as súas portas por contar no estabelecemento con outros produtos considerados esenciais como todo o relacionado cos complementos agrícolas e gandeiros. Un exemplo deste último caso é Jesús, que atende desde hai máis de trinta anos a ferraxaría Americana de Ourense. Mantivo aberto o estabelecemento todo este tempo por vender outros materias. 

Explica a Nós Diario que foi un erro non considerar todas as ferraxarías servizo esencial. "Seino pola cantidade de pezas e recambios que vendín para arranxar danos nas casas", relata. Pola súa experiencia de anos apunta que no noso país "estamos acostumados a reparar as avarías e chamamos a unha persoa profesional cando é algo moi complicado". Por iso, doíalle que clientes de toda a vida tiveran que contratar, por exemplo, os servizos de electricistas ou fontaneiras, por ter autorización a mercar as pezas. 

Servizo a domicilio

Daniel, desde unha ferraxaría de Vigo, concorda con Jesús. No seu caso empregou as redes sociais para facilitar o acceso aos seus produtos. "Vendimos a profesionais e ao cliente particular enviábaselle a domicilio", explica a Nós Diario. É un sistema "custoso e deficitario" aínda que se deu "co mínimo de persoal", relata.

A lexislación aprobada con motivo do estado de alarma tampouco axudou. Após a primeira prohibición publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) polo Goberno español, coa prohibición expresa deste tipo de estabelecementos, chegou outra orde publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) que permitía a súa apertura.

"Os primeiros día houbo desconcerto e a Garda Civil chegou a fechar algunhas", explica Daniel. No seu caso puxéronse en contacto coa cooperativa da que forman parte e tamén coa policía local do municipio para confirmar a apertura. "A resposta foi afirmativa, mesmo por algúns produtos que temos e que son necesarios para a xente como é o caso das bombonas de gas butano", conta.

Un caso diferente foi o da ferraxaría que rexenta Marcelino en Foz. "Eu non puiden abrir en todo este tempo por non ter outros produtos e dedicarme máis á venda de parafusos, como tantos outros estabelecementos pequenos do país". Co DOG na man abriu esta segunda feira por primeira vez desde que se decretou o estado de alarma e confesa que "Aínda non fixen unha valoración das perdas mais serán como o resto dos comercios". Segundo o informe do FRI o impacto destes días de confinamento e do feche forzoso do sector da ferraxaría e do bricolaxe tivo un custo de 280,8 millóns de euros.

Comentarios