A asemblea do persoal de Alcoa en Cervo opta pola "paz social" unha semana máis

As e os traballadores da multinacional decidiron por maioría absoluta darlle sete días máis ao Goberno español para dar pasos concretos de cara á venda da factoría da Mariña. A ministra de Industria, Reyes Maroto, prometeulles que a SEPI intervirá na venda "se é necesario".
Protesta do persoal de Alcoa en San Cibrao, Cervo, o pasado 29 de setembro de 2020 (Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal de Alcoa en San Cibrao, Cervo, o pasado 29 de setembro de 2020 (Foto: Europa Press)

A asemblea do cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) decidiu conceder unha prórroga dunha semana, até o día 12 de maio, para non activar a folga prevista para hoxe unha vez expirado o acordo entre o comité de empresa e a propia multinacional que vencía o pasado 30 de abril.

A reunión previa realizada no serán desta pasada terza feira, na que participou a ministra de Industria, Reyes  Maroto, finalizaba coa petición de que continuase a paz social e o Goberno español tivese máis tempo "para que a Avogacía do Estado dispoña dos días que solicitou o secretario de Industria, Raúl Blanco, para definir o papel da sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) na operación de triangulación da venda", que supoñería pasar a propiedade de Alcoa á  SEPI e desta ao comprador final. Este compromiso da propia ministra recolleuno o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, e transmitíuno á asemblea realizada hoxe.

O resultado foi que por maioría absoluta concedeuse máis tempo ao Goberno español para realizar a xestión. 

Retomar as mobilizacións do persoal de Alcoa

Na asemblea debateuse tamén a posibilidade de continuar as mobilizacións malia non activar a folga por uns días. O delegado da CIG, Xosé Paleo, cre que o tempo xoga en contra do conxunto do cadro de persoal da factoría. Desconfía das promesas por parte do Ministerio de Industria pola falta de concreción e a minorización en contestar á multinacional. Os tres meses sen mobilizacións comezan a notarse entre as e os operarios e desde a representación sindical nacionalista entenden que se deberían retomar para facer presión.

Por este motivo propoñen un calendario de accións para tentar que se actúe antes da chegada do verán. Desde a CIG tamén poñen en evidencia un deterioro de parte da infraestrutura da factoría e o beneficio que sacou Alcoa coa venda aluminio acumulado

Desde a CIG insisten que a SEPI sexa a garante da venda para que non se repita a situación das fábricas da Coruña e Avilés. Ademais, seguen sen saber que outras empresas están interesadas na compra, unha información que non se desvelou en ningunha das xuntanzas que se tiveron até agora entre o comité e a Administración española. 

A SEPI como parte activa ou intermediaria na venda

Unha última semana quedaría para que a SEPI decida dar contestación á proposta de venda que Alcoa lle fixo chegar o pasado 4 de febreiro. Desde este organismo público estatal indicaban hai uns días que os termos da venda deberían tratarse "por Alcoa" con outras empresas "sen necesidade de transmisións intermedias", como levan meses pedindo desde o comité de empresa.

A multinacional, polo seu lado, quere o organismo estatal sexa parte activa no proceso e asuma a titularidade da planta, eximíndoo, iso si, de responsabilidades futuras sobre a súa actividade. O exemplo do que está acontecendo con Alu Ibérica e a intervención xudicial pon sobre aviso de que desde Alcoa non están en disposición de repetir a experiencia dunha negociación directa, neste caso con Liberty, sen contar coa intervención do Ministerio. 

A "triangulación" na venda como proposta da Ministra

O papel da SEPI na resolución da venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) está a ser o chanzo que falta pasar para rematar a operación. Segundo explica o presidente do comité de empresa a última proposta que a ministra de Industria, Reyes Maroto, trasladou aos representantes dos traballadores apuntaba a que este organismo "triangulará" a venda "chegado o momento, se é necesario".

Comentarios