luns 06/12/21

Inicia o xuízo contra o dono de Autobuses Calo por acoso laboral

O propietario de Autobuses Calo, Ramón Sanjuán, enfróntase a posíbeis penas de cárcere por continuado acoso laboral desde o ano 2006 contra a traballadora Nélida Pisco. Inspección de Traballo chegou a definir o trato cara a Nélida de “terrorismo psicolaboral”. O xuízo arranca esta segunda feira, 27 de xaneiro, ás 10 horas, nos xulgados das Fontiñas de Santiago de Compostela.

Nélida Pisco, á dereita, xunto á secretaria da Muller da CIG, Marga Corral (Imaxe: Galiza Contrainfo)
Nélida Pisco, á dereita, xunto á secretaria da Muller da CIG, Marga Corral (Imaxe: Galiza Contrainfo)

Logo de anos de innumerábeis mobilizacións sindicais en solidariedade coa traballadora Nélida Pisco, vítima de acoso laboral desde 2006, chega o xuízo contra Ramón Sanjuán, o propietario de Hedegada (Autobuses Calo).

Na mañá desta sexta feira, 27 de xaneiro, Ramón Sanjuán e a súa filla, Marina Sanjuán, acudirán aos xulgados composteláns do barrio das Fontiñas para responder diante da xustiza como responsábeis directos do acoso laboral ao que foi sometida desde hai 14 anos a condutora de autobús Nélida Pisco.

A parte denunciada afronta unha petición de dous anos de prisión e o pagamento dunha indemnización de 100.000 euros á traballadora por danos morais e vulneración de dereitos.

Desde 2006 sufrindo “terrorismo psicolaboral”

O acoso contra Nélida Pisco comezou en 2006 debido a ter solicitado unha redución de xornada para atender a súa filla após nacer, pois ao ser prematura, precisaba coidados especiais.

Pisco denunciou como a partir desa situación derivaron episodios que a propia Inspección de Traballo cualificou como “terrorismo psicolaboral” e de “acoso” por parte da empresa.

Desde entón, sucedéronse varias sentenzas pola vía social, sempre favorábeis á traballadora e onde se acreditaba o acoso laboral e a vulneración de dereitos contra Nélida Pisco. Mais Nélida denuncia que a día de hoxe continúa a padecer acoso e vulneración de dereitos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Pisco foi despedida en 2018

A traballadora agredida foi despedida por última vez en decembro de 2018 cando Autobuses Calo solicitou á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que a inhabilitara.

Pisco gañou a sentenza contra o despedido e a empresa perdeu todos os recursos posíbeis que apresentou. O último foi hai un mes no Tribunal Supremo e tamén lle saíu desfavorábel a Calo.

Con todo, Pisco atópase actualmente sen que a empresa lle permita reincorporarse ao posto de traballo.

Xa en marzo de 2019 o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, denunciaba que “a empresa está dilatando artificialmente a volta efectiva ao posto de traballo de Nélida Pisco, o que constitúe outra forma de acoso dentro de todo o proceso que leva vivido nestes anos”.

Prórroga de dez anos para a empresa

Desde a central sindical nacionalista tamén denuncian que, a pesar de ter trasladado en múltiples ocasións esta información á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e máis á Secretaría Xeral de Igualdade e ao propio presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, en sede Parlamentaria; non só ninguén deles interveu senón que premiaron a empresa cunha prórroga por dez anos. 

Inicia o xuízo contra o dono de Autobuses Calo por acoso laboral
comentarios