As cooperativas como alternativa ao simple lucro

Aquí mandan as traballadoras e traballadores

Compostela acolle a primeira asemblea de Espazocoop, a maior rede de cooperativas galega, que naceu este ano. Estratexia defensiva ante a crise do emprego ou aposta nun cambio de modelo económico. For cal for a motivación, o sector medra e innova en fórmulas de xestión. Avanzamos o futuro, din as súas e os seus promotores. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 248 de Sermos Galiza.

cooperativismo

A xuntanza no Monte Gaias é unha fiestra ao futuro, a porta gateira ás estrelas da literatura de anticipación. “Somos o porvir. Pode que hoxe fagamos parte dun mundo medio descoñecido, pero no futuro chamará a atención que este non for o modelo empresarial maioritario”, asegura Tino Gago, xerente de Espazocoop, un home clave na promoción do cooperativismo no país desde Ugacota (unha das redes que se fundiu nesta). Fala desde unha pequena oficina nunha entreplanta en Monte Alto, na Coruña, onde se escribe o mañá. Moi ambicioso.

9Mais esta porta gateira non é ciencia ficción, ten bases ben fundadas. “Ser cooperativista é unha actitude. Non estamos aquí para competir, senón para colaborar”, di Antón Lois, un dos tres socios de Teixugo, cooperativa fundada en Vigo en 1999. “Empeza a notarse moito esa simbiose, esa capacidade de prestarse axuda mutua que non existe na economía convencional”.

Non hai dados moi actualizados sobre o impacto das cooperativas na Galiza. O último informe da Xunta, do 2010, catalogou 1.100 sociedades das que a metade eran de traballo asociado. O Consello Galego de Cooperativas rexistra 1.312 na súa web. A nivel de Estado, a CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social, que traballa un ámbito máis amplo e inclúe as sociedade laborais) representa 40 mil empresas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 248 do Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios