Anuncian mobilizacións en Navantia e as súas auxiliares

Traballadoras e traballadores de Navantia Ferrol e das compañías auxiliares iniciaron onte un novo calendario de mobilizacións para demandar carga de traballo no estaleiro, que terá "as gradas baleiras" durante este ano e o vindeiro.
Concentración diante das portas de Navantia en Ferrol (Europa Press)
photo_camera Concentración diante das portas de Navantia en Ferrol (Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Navantia, Javier Galán, alerta da falta de traballo e demanda a construción  dun buque de apoio loxístico (AOR). "É a única solución, a construción dun buque que xa teñamos deseñado". Afirma que son conscientes "da necesidade que ten a Armada dun buque destas características mais estamos abertos a calquera outro tipo de buque que dea carga de traballo en 2020 e 2021". 

A concentración de onte dá inicio a unha serie de mobilizacións en Navantia aprobadas nunha asemblea que tivo lugar no interior do estaleiro ferrolán. O calendario previsto continuará cunha manifestación o día 20 de febreiro por varias rúas da cidade e na que está prevista a participación, tamén, de operarias e operarios de Navantia Fene e que concluirá no concello de Ferrol. A seguinte mobilización será o día 27 cunha nova concentración ante a porta de estaleiro de Ferrol e pola tarde asistirán ao pleno municipal da cidade. Para o día 5 de marzo pola mañá teñen previsto unha nova mobilización polas rúas e pola tarde as traballadoras e traballadores acudirán ao pleno municipal de Fene. Una semana despois, o día 12, haberá unha nova concentración diante a porta do estaleiro. O domingo 15 de marzo está convocada unha manifestación a nivel comarcal e para o día 26 de marzo finalizarán o calendario de mobilizacións cunha protesta conxunta con traballadoras e traballadores da antiga Astano, en Fene. 

Incúmprese o acordo da Comisión de emprego

Javier Galán explicou aos medios de comunicación que foron moitas as persoas das compañías auxiliares que perderon o seu posto de traballo "sobre todo no gremio de aceiros, após a botadura do segundo buque AOR". En relación ao proceso de selección de novas incorporacións, Galán denunciou que a dirección do estaleiro ferrolán "non escoita" ao que se acordou na Comisión de Emprego. Asegura que "o sistema da páxina web está demostrado que non funciona polo rexeitamento de até 80% das instancias".

Comentarios