Máis de 18.000 traballadores están chamados á greve do metal

O paro, convocado por CIG, CCOO e UXT na provincia da Coruña, reclama un convenio xusto fronte ao bloqueo da patronal. Nos polígonos industriais de Ferrol, Fene, As Pontes, Santiago de Compostela e A Coruña, o seguimento é de 100%. 

greve metal

Máis de 18.000 traballadores están convocados á greve do metal na provincia da Coruña, a primeira que se convoca neste sector en 25 anos, e que nas súas primeiras horas está a ter un seguemento “masivo”,segundo os sindicatos. O paro comezou ás 22:00 horas da cuarta feira e finalizará na media noite da quinta. Convocado por CIG, CCOO e UXT, os traballadores exixen un convenio digno e con dereitos.

Nos polígonos industriais de Ferrol, Fene, As Pontes, Santiago de Compostela e A Coruña, o seguimento da greve é de 100%, segundo Comisións, e no conxunto da provincia supera 90%

Os sindicatos lembraban hai uns días que van dous anos desde o inicio da negociación do convenio e que a patronal mantén unha actitude de bloqueo. “Non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, pretendendo liquidar a negociación sen ningunha mellora substancial para os traballadores do sector", como apontan desde CIG-Industria.

A greve terá continuidade o vindeiro 27 de xuño, así como 4 e 5 de xullo. Nestas semanas realizáronse ducias de asembleas de traballadores por toda a provincia para explicar os motivos do paro e organizar o desenvolvemento da greve. Nestas asembleas tense detectado un claro apoio do persoal a esta decisión, segundo as centrais.

Ao longo da xornada terán lugar diversas mobilizacións en Compostela, A Coruña e Ferrol.

Comentarios