Ambulancias: un mes de greve e loita por un convenio digno

O sector de ambulancias entrará a partir do día 20 nunha folga indefinida se antes non hai acordo.


 

19-03-12 AmbulanciaPintadaFeijooDimision01

A pasada sexta feira a patronal rachou as negociacións. Desta volta por discrepancias a respecto dos aumentos salariais. Non é a primeira vez que as negociacións e conversas entre representantes do persoal do sector das ambulancias e da patronal rompen ou se suspenden pola actitude dos empresarios. Os traballadores e traballadoras deste sector – por volta de 1.500 persoas- están a piques de facer xornadas non consecutivas de greve para reclamar un novo convenio colectivo que garanta unhas condicións laborais dignas. O paro convocado pola CIG, CCOO e UGT converterase en indefinido a partir do vindeiro día 20 deste mes no caso de que as partes non cheguen antes a un acordo que permita desbloquear o conflito.

O persoal das ambulancias continúa coas mobilizacións. Este sábado desenvolveron unha protesta en Ribeira durante a celebración dun acto do PP no que participou o presidente da Xunta. Con anterioridade levaron a cabo concentracións, manifestacións e mesmo unha protesta diante da casa do conselleiro de Sanidade.

Como teñen denunciado unha e outra vez desde os sindicatos, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal.

Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso. Isto, xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015.

Comentarios