“Amancio doa, Inditex recorta”: continúan as protestas das traballadoras das tendas do grupo

Realizaron unha concentración en Arteixo, na que tamén participaron traballadores de auxiliares en ERTE.

Inditex cig protestas horarios
photo_camera Imaxe da protestas desta sexta feira perante a sede de Inditex, en Arteixo (CIG)

As protestas contra a mudanza unilateral de horarios e quendas por parte de Inditex ás traballadoras das tendas do grupo continúan. Desta vez cunha concentración nacional diante da sede da empresa e da Fundación Amancio Ortega, no Polígono de Sabón (Arteixo). Na protesta tamén participaron traballadores e traballadoras de auxiliares de Inditex afectadas por ERTE, como Vero Juncal Mantemento, onde está convocada unha xornada de folga para a segunda feira.

Estes cambios nos horarios e quendas, que foron denunciados pola CIG diante da Inspección de Traballo, afectan tamén as traballadoras con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que para o sindicato supón “limitar a o seu dereito á conciliación da vida laboral e familiar”.

Ademais, a central incide en que as modificacións de horarios se “impuxeron” sen negociación nin comunicación previa, sen que Inditex especificara a súa duración “e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar”.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explica que a dirección se nega a dar marcha atrás nunha decisión que, segundo di a CIG que adiantaron dende a propia compañía, podería estar vixente durante todo o que resta de ano. “O único que a empresa aceptou manter son as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora”.

Comentarios