AO DESCUBERTO AS DEFICIENCIAS DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO

HAC, un "centro comercial da saúde"

Profesionais e doentes relataron nunha comparecencia de imprensa que durou por volta de dúas horas e media a realidade que atoparon á súa chegada ao Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo) e as carencias que aínda hoxe persisten no que foi definido por unha paciente oncolóxica como "centro comercial da saúde". 

CIG2
photo_camera [Imaxe CIG]

As pingueiras que asolagaron algunhas zonas do novo hosital da área sanitaria de Vigo poucos días despois da súa inauguración eran só a punta do iceberg do que acontece no interior do que, segundo o presidente da Xunta, é o "mellor hospital de Europa". 

A falta de recursos e de espazos axeitados, así como as carencias en persoal e mesmo o intrusismo laboral permitido a empresas privadas, foi relatado --e denunciado-- por profesionais sanitarios e pacientes nunha extensa comparecencia de imprensa decorrida esta quinta feira. "Só lles interesan os prazos e cumprir o cronograma do traslado", afirmaron, "non podemos calar". 

Malia as queixas presentadas ao longo destas semanas desde a abertura do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), quer verbalmente quer por escrito, a consellaría de Sanidade prevé o re-inicio do traslado de pacientes o 21 de setembro. Porén, "por non haber, non había nen follas de reclamación", denunciaron. 

Neste senso, urxen a creación dunha comisión de profesionais que avalíe a situación para tentar resolvela. 

  • Radioloxía: "Erros loxísticos" por "criterios economicistas"

O doutor Saez, a primeira das persoas en tomar a palabra, describiu a realidade que atinxe o persoal médico no seu día a día. E é que o novo hospital de Vigo só conta con 2 TAC, un escáner preciso para a realización de probas diagnósticas, dos cales un se atopa --segundo o relatado por Saez-- con moi baixas prestacións.

No HUAC só hai 2 TAC en funcionamento, cando remate a instalación dos restantes non chegarán para cubrir as necesidades asistenciais, denuncian

Porén, embora estárense a montar os novos equipamentos --que non estarán listos até o vindeiro mes de outubro-- non será garantía dunha prestación sanitaria que cubra as necesidades da área pois, explicou o doutor, non haberá capacidade suficiente para atender tod@s @s pacientes. Neste senso, priorizaranse as persoas ingresadas e aquelas de carácter urxente mais demoraranse as persoas doentes de ambulatorio. 

As queixas por "erros loxísticos" que nalgúns casos responden a "criterios economicistas", sinalou Saez, foron trasladadas aos seus superiores a viva voz e tamén por escrito sendo rexistradas entre 400 e 500 incidencias no servizo. Así as cousas, estas foron "desestimadas sistematicamente". Mesmo, o informe asinado por 160 profesionais no que se recollían as máis importantes. 

  • Obstetricia/Maternidade: "Atravesar a sala de agarda para ir ao baño"

Rosa Iglesias leva máis de 30 anos exercendo como matrona no Hospital Xeral. No seu testemuño foi taxativa ao afirmar que o Álvaro Cunqueiro "non cumpre os requisitos para garantir a calidade asistencial". Cando menos, non na área de maternidade. "As urxencias obstétricas son de pena" pois conta con "6 habitacións sen baño". Isto obriga as mulleres a "atravesar a sala de agarda para ir ao baño". E non só. Iglesias explicou como o proxecto anterior para o novo hospital prevía a construción dunha sala de partos "excelente". Porén, finalmente foron eliminadas dúas salas e as mulleres deben dilatar a catro andares de distancia do quirófano. 

"A sala de reanimación dos recén nados está fóra do bloque cirúrxico"

"A sala de reanimación dos recén nados está fóra do bloque cirúrxico, cando a lóxica di que ten que estar no mesmo", entrementres, describiu a matrona, "onde se lavan as cuñas suxas" partilla espazo "coa zona onde se lavan os cirurxáns antes de practicar unha cesárea". 

Ás deficencias nas infraestruturas engádense as carencias de persoal. Rosa Iglesias reclamou "unha ou dúas persoas máis por quenda" que se sumarían ás 26 actuais pois, co número de traballadoras vixente as mulleres non poden estar acompañadas durante a dilatación, parto e post-parto, como cumpriría. 

  • Cardioloxía: "Puido morrer alguén"

Cando o Álvaro Cunqueiro abriu as súas portas para recibir @s pacientes procedentes do Xeral e do Meixoeiro na área de cardioloxía "non había practicamente de nada: nen medicación, nen desfribilador, nen carro de parada, nen cuñas...". Así o relataba Inés Conde na comparecencia de imprensa. Esta enfermeira de coidados intermedios que traballou no Meixoeiro desde 1990 explicou como baixaron "en coches particulares" desde estoutro hospital "o que puidemos, medicación de urxencia". 

O persoal baixou en coches particulares medicación de urxencia pois o día de abertura non había

"O primeiro paciente non puido ser monitorizado e o desfibrilador chegou co último, cando é vital neste tipo de unidades". "Puido morrer alguén, e se por desgraza tivese acontecido, botaríanlle a culpa a calquera antes de admitir a súa responsabilidade". "Estivemos abandonados polos responsábeis, só lles importaba cumprir os tempos", denunciou. Destarte, a situación actual non cumpre coas garantías pois, dixo, os pacientes non están ben monitorizados. 

  • Hematoloxía: "Non calo, xa non podo calar"

Modesta López foi, quizais, o testemuño máis emotivo. Traballa desde 1974 como técnica de laboratorio e asegurou ter desaprendido "todo o que sabía" á súa chegada ao novo hospital de Vigo. "Sei facer o meu traballo", afirmou, mais "non teño espazo físico onde traballar aquí" xa que "non contemplaron a citoquímica de médula ósea". Neste senso, desenvolve o seu labor nun cuarto de 3x6 metros sen fiestras "no que van meter tres camas con enfermos", sinalou. 

"Non teño espazo físico onde traballar aquí" xa que "non contemplaron a citoquímica de médula ósea"

"Levo 20 días así e a resposta dos xefes é 'búscate a vida'". "Non calo, xa non podo calar", afirmou con rotundidade antes de denunciar que durante o traslado foron desconectados os tanques onde estaban as células medulares. 

  • Oncoloxía: "Un centro comercial da saúde". 

María Jesús Rodríguez é doente de cancro. Cada sesión de quimioterapia sáelle a conta de 12 euros, só de aparcadoiro. Un custe que asume cada 21 días. Igual que o tratamento. Porén, as condicións nas que se atopa o Álvaro Cunqueiro van para alén dos seus accesos. Os baños, di, "dan pena" e a falta de intimidade que padecen @s doentes obrigaron mesmo a pinchala "detrás dunha columna" porque "non había cama". "Por non haber", salientou, "non había nen follas de reclamación" embora ir xa pola súa segunda queixa. A primeira dirixida á demora dos servizos, a segunda polo custe do aparcadoiro. 

  • Demanda xudicial por intrusismo 

Finalmente foron @s celador@s, através de Miguel Estévez, @s que tomaron a palabra para denunciar o "intrusismo laboral" que @s atinxe por mor da asunción das funcións por parte de persoal pertencente a unha empresa privada. As 450 persoas que traballan como celadoras na área sanitaria de Vigo presentarán unha denuncia xudicial por este feito logo de veren perigar os seus postos de traballo e o incumprimento do estatuto marco, segundo explicou Estévez. 

Aliás, revelou, está previsto que operari@s desa compañía privada desenvolvan funcións de celador@s tamén en hospitais públicos como o Meixoeiro. 

Comentarios