Alu Ibérica segue parada tras 23 días de folga indefinida

O persoal da factoría da Coruña mantén as mobilizacións na rúa para demandar a readmisión dunha compañeira despedida e a intervención pública da planta.
Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica na Coruña en xaneiro de 2021. (Foto: CCOO)
photo_camera Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica en María Pita. (Foto: CCOO)

Os traballadores e traballadoras da planta de Alu Ibérica da Coruña iniciaron o pasado 26 de decembro unha folga indefinida para denunciar a "represión" laboral exercida pola compañía e reclamar a readmisión dunha empregada despedida a finais do ano pasado.

Desde entón, o persoal da factoría mantén a factoría parada. Unha forma de protesta coa que tamén buscan forzar unha solución de futuro e a intervención da fábrica por parte das Administracións Públicas.

Concentración en María Pita

As mobilizacións das operarias e operarios de Alu Ibérica continuaron durante a fin de semana. Onte sábado marcharon desde a planta situada no polígono industrial e comercial da Grela até a praza de María Pita, onde perto dun cento de persoas se concentraron para demandar un emprego digno e dotado de dereitos, ademais da intervención da factoría.

A maioría do persoal aínda non cobrou o mes de decembro

Neste sentido, a pasada quinta feira o pleno do Concello da Coruña aprobou a instancias do BNG unha moción na que instan ao Gobierno estatal e á Xunta da Galiza a buscar "alternativas" para afianzar o futuro de Alu Ibérica na cidade.

Este domingo, o colectivo de traballadores e traballadores levaron as protestas ás portas da fábrica, como cada día desde o inicio da folga. Suman 23 xornadas de paro. A maioría do persoal aínda non cobrou o mes de decembro e segue a reivindicar o regreso da compañeira despedida.

Mediación da Xunta

Segundo puido saber Nós Diario, a pasada sexta feira reuníronse representantes da Administración galega con voceiros da empresa, "que tras facer un balance e facilitar información sobre a situación do conflito, expresaron a vontade da analizar o caso da traballadora despedida".

"A empresa solicita do comité de empresa a súa vontade de convivencia e paz social, empregando para iso o proceso de mediación a través da Xunta e posteriormente a figura dun mediador aceptado polas partes". Unha saída que o comité de empresa, sinalan, fía á "readmisión da compañeira" con carácter urxente.

Comentarios