Alu Ibérica despide a catro representantes sindicais por unhas supostas agresións

A compañía comunicou a súa decisión hoxe, após abrir expedientes de sanción e deixar pasar os prazos e alegacións. No entanto, na xornada á que fai referencia a empresa houbo cruce de acusacións sobre o sucedido e as consecuencias. O grupo de empregados, entre os que estaba o presidente do comité Juan Carlos López Corbacho, protestaba por un despedimento e esta medida disciplinaria tamén coincide no tempo coas peticións de que se interveña a factoría por presuntas ilegalidades na súa venda.
Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)
photo_camera Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)

En pleno conflito laboral por despedimentos e porque a representación sindical das e dos traballadores reclama a intervención pública da fábrica de Alu Ibérica na Coruña, a compañía vén de anunciar o despedimento de catro traballadores vinculados á labor sindical "por causas disciplinarias", pois os acusa de cometer supostas agresións contra outros compañeiros nun enfrontamento acaecido o 17 de decembro nas instalacións do polígono da Grela.

Malia que o cruce de acusacións naquel momento foi mutuo, pois a tensión ía en aumento polo inicio dunha folga para denunciar outra rescisión dun contrato (que o cadro de persoal entendía inxustificada), a dirección da empresa insiste en culpar unicamente á representación de todo o colectivo que facía as protestas, é dicir, ao comité.

De feito, Alu Ibérica vai máis alá e fala de danos concretos como que unha persoa tivera que ser sometida a "un cateterismo" polo presunto "ataque violento". Naquel momento abríronse expedientes a catro empregados que agora son cesados.

A explicación é que quer a dirección, quer a representación xudicial, consideran os feitos "moi graves" e avalan un despedimento disciplinario. Este afecta a tres membros do comité de empresa, entre eles o presidente Juan Carlos López Corbacho, e a un delegado sindical.

Aliás, mantéñense abertos os procedementos penais interpostos de xeito individual e colectivo. Porén, o comité tamén ten a súa versión e se viu agraviado no incidente de decembro e agora.

Á marxe desta decisión, a empresa asegura que xa fixo o "pago das nóminas pendentes". Non hai que esquecer que o conflito laboral viña de ir en aumento por entender que a venda de Alcoa ao grupo Riesgo tivo certas ilegalidades.

Mesmo a Audiencia Nacional encargou unha investigación polo miúdo para esclarecer o sucedido. As e os traballadores xa viñan falando do asunto desde hai moito tempo e reclamaban -e seguen a facelo- a "intervención" da planta por parte das Administracións.

Comentarios