DENUNCIA DA CIG

Altos cargos da Axencia Tributaria en Galiza embolsaron 1.600.000 euros en concepto de ‘produtividade’

O sindicato nacionalista denuncia que mentres acontece iso a carreira profesional do resto empregad@s da AEAT está conxelada por falta de dotación económica, non se repón persoal por falta de medios e desmantélanse as pequenas administracións da Axencia.

Axencia tributaria

A Sección Sindical da CIG na Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) cualifica de “escandaloso” e “arbitrario” o reparto de produtividade neste servizo e, nomeadamente, na Delegación Especial de Galiza. Critican que se repartiran máis de 1.600.000 euros neste concepto entre os altos cargos, “mentres a carreira profesional do resto de traballadores e traballadoras da AEAT está conxelada por falta de dotación económica, non se repón persoal por falta de medios, desmantélanse as pequenas Administracións da Axencia, e increméntase a presión sobre o resto dos/as empregad@s”.

Esta partida de produtividade situouse en máis de 80 millóns de euros durante o ano 2014

“Mentres o Goberno do Partido Popular conxela os salarios, penaliza as baixas por razóns médicas, recorta as vacacións ou reduce á mínima expresión as axudas sociais, a partida de produtividade non deixa de medrar para que os altos cargos da AEAT sigan incrementando o seu poder adquisitivo”, denuncian desde a central nacionalista.

Esta partida de produtividade situouse en máis de 80 millóns de euros durante o ano 2014, véndose incrementada respecto anos anteriores polo subterfuxio dun ‘Plan Especial de Intensificación de Actuacións’, afirma a CIG, sinalando que se xustificou para loitar contra a fraude,. “Mais na práctica serviu para encher os petos deste grupo privilexiado dun xeito escandaloso”.

Este Plan, púxose en marcha por primeira vez no 2014 “e contou coa complicidade de todos os sindicatos, agás a CIG”. Neste ano 2015 vólvese pór en marcha, afirman, mais nesta ocasión mediante imposición unilateral da AEAT. “Desde a Sección Sindical da CIG opuxémonos desde un principio a este malgasto, negándonos a avalar coa nosa sinatura este tipo de dispendios”.

Comentarios