CIG-CGTP

Alianza do sindicalismo galego e portugués contra a precariedade

Os secretarios xerais da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, e da Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses - Intersindical Nacional (CGTP-IN), Arménio Carlos, asinan un protocolo de colaboración co que ambas as dúas centrais apostan en sumar esforzos a un e outro lado da raia para mellorar as condicións de vida da clase traballadora.

paulo
photo_camera Arménio Carlos e Paulo Carril asinando o protocolo de colaboración [Foto: CIG]

CIG e CGTP-IN combinarán esforzos para combater a precariedade a un e outro lado da raia

"Unir esforzos para facer posíbel que as dignificacións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira entre Galiza e Portugal”. Desta maneira, resumiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o obxectivo que persegue o protocolo de colaboración subscrito entre a central nacionalista e o principal sindicato de Portugal, a CGTP-IN. O acordo foi o corolario do encontro sindical “bilateral e ao máis alto nivel” realizado na cidade de Vigo os pasados 1 e 2 de febreiro, coa participación de Carril e mais do secretario xeral da CGTP-IN, Arménio Carlos, encabezando as súas respeitivas delegacións. Trátase dunha cimeira histórica que procura acrecentar a colaboración entre ambos os sindicatos, marcados por unha “grande sintonía” no seu modelo sindical e nas súas posicións diante da crise e das vagas de recortes promovidas pola UE e a Troika, como recoñeceu Arménio Carlos. 

Neste encontro acordouse tamén realizar dúas novas xuntanzas bilaterais de carácter específico, entre as respectivas federacións da Construción e da Industria da automoción, para abordar posíbeis liñas de traballo conxunto nestes dous sectores, marcados por unha importante mobilidade transfronteiriza e un crecente fenómeno de deslocalización empresarial. “Estas cuestións precisan dunha análise profunda e dunha visión colectiva para contrarrestar a liña ideolóxica que pretende centrar a atención nunha guerra entre traballadores e traballadoras galegas e portuguesas, cando o problema real son as estratexias transnacionais  para aumentar os seus beneficios a costa da explotación das persoas”, afirmou o secretario xeral da CIG. 

Análise partillada

paulo02No decurso da cimeira, ambos os dous sindicatos realizaron unha análise conxunta da situación sociolaboral de  Galiza e de Portugal.  A respeito do contexto galego, Carril expuxo a preocupación da  CIG de “que se poida consolidar unha situación social sen saída, cun empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e do conxunto da sociedade, cun asentamento de novas formas de explotación a través de cadeas interminábeis de subcontratación, empresas multiservizos e falsos e falsas autónomas e dunha imparábel emigración”. Pola súa banda, o secretario xeral da CGTP radiografou que “en Portugal temos problemas moi complicados, a pesar de que hai unha evolución positiva da situación económica e social. A loita dos traballadores e traballadoras e do pobo portugués foi determinante para afastar a dereita do poder. Foi positivo parar tanto as súas políticas de recortes como as da Troika, e valoramos tamén que o Goberno teña avanzado cara a unha política de reposición de dereitos mais inda fica lonxe do que sería desexábel”.

A CGTP defende que a explotación laboral é incompatíbel coa democracia. “A democracia pasa por garantir os dereitos e liberdades da clase traballadora. Non hai democracia mentres os traballadores e traballadoras vexan constantemente cuestionados os seus dereitos nos centros de traballo”, enfatizou Arménio Carlos.


Para alén da cooperación bilateral, os dous sindicatos comprometéronse a colaborar tamén para contribuíren a unha dinámica internacional destinada a lograr “un mundo mellor, máis xusto e solidario”.  

 

Comentarios