xoves 04/03/21

Alcoa sinala que o acordo para a venda de San Cibrao está perfilado

O comité confía en pactar a venda antes do mes de abril
Empregados de Alcoa após a anulación do ERE. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Empregados de Alcoa após a anulación do ERE. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Pasan as semanas e a saída ao conflito que manteñen desde hai meses os traballadores de Alcoa coa dirección da multinacional americana polas súas intencións de fechar a planta de aluminio primario de San Cibrao, no concello de Cervo, parece cada vez máis próxima. 

Hoxe, o presidente do comité de empresa, José Antonio  Zan, deu conta dos últimos avances no proceso de negociación que Alcoa e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) acordaron iniciar para a venda da factoría. 

Segundo asegurou o representante dos traballadores, o transit ou "acordo xeral" sobre o traspaso das instalacións á empresa pública está xa "moi perfilado". De feito, indicou que o persoal atópase esperando "novidades" sobre este primeiro paso.

A partir deste punto, indica Zan, as negociacións entre ambas as partes "teñen que ser rápidas, xa que a outra vez quedaron moi preto do acordo", en alusión ao intento frustrado da SEPI no pasado verán de facerse coa planta unha vez fracasadas as negociacións entre Alcoa e Liberty House.

Como detallou o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, o transit contén as liñas xerais do acordo final, e calculou que este "arranxo" podería fecharse "antes do mes de abril".

O traballo non falta

As negociacións que agora van retomar Alcoa e a SEPI son quizais a derradeira esperanza para salvar máis de 500 empregos na comarca da Mariña. Antes de chegar até aquí, os traballadores levaron a cabo unha folga indefinida e gañaron varias batallas a Alcoa nos tribunais, algunha delas, como a do ERE, aínda pendentes da resolución do recurso presentado pola empresa. 

Os traballadores accederon a levantar a folga se a firma retomaba as negociacións. Grazas a iso, a factoría recuperou a actividade e, segundo recoñece o propio Zan, "estamos igual que antes da folga, producindo máis material para o produto final para clientes", dos que, dixo, teñen "bastantes".

Neste senso indicou que están a traballar "ao cento por cento" (aínda que con algunha cuba baixada), con dúas liñas de produción para clientes "con valor engadido", mentres que a que vai para refundir "actualmente non se está facendo".

comentarios