"Alcoa sempre actuou no seu beneficio"

A conflitividade na factoría de aluminio  de San Cibrao (Cervo) vén de lonxe. Nós Diario fala cun dos exmembros do comité de empresa que foron despedidos en 1987 cando se rebelaron contra a perigosidade do traslado de produtos tóxicos procedentes do cargueiro Casón e que ten semellanzas coa situación actual.
Activistas de Adega diante do cargueiro Casón (Nós Diario)
photo_camera Activistas de Adega diante do cargueiro Casón (Nós Diario)

A historia da factoría de aluminio de San Cibrao, Cervo, semella estar marcada pola loita sindical e a defensa dos dereitos do seu cadro de persoal. Unha situación semellante, con outros protagonistas, viviuse nesta industria da Mariña cando en 1987 sufriu a primeira ameaza de feche. Daquela o PSOE gobernaba no Estado español coa maioría absoluta de Felipe González e chegara ese mesmo ano á Xunta con Fernando González Laxe. O 5 de decembro afundía na praia do Rostro, en Fisterra, o cargueiro Casón cunha carga de 1.100 toneladas de produtos químicos inflamábeis.

A decisión de trasladalos en bidóns e contedores por terra até a factoría de Alúmina Aluminio (daquela Inespal e hoxe Alcoa) para que embarcaran camiño de Holanda provocou a alarma entre os traballadores que paralizaron a produción negándose a acoller ese material por temor ao seu contido. A dirección reaccionou co despedimento de 104 traballadores e o comité de empresa.

O despedimento dos traballadores foi declarado "radicalmente nulo", mais os integrantes do comité non volveron pisar a planta coa ratificación do Tribunal Supremo da procedencia do despedimento.  

De pública a privada cos mesmos problemas

Era a primeira vez no Estado español que se despedía a todo un comité de empresa que, na altura, estaba formado pola INTG, UXT, CCOO, USO e dous  independentes. Luís Manuel García Otero, tiña 33 anos e era delegado pola Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG). Relata a Nós Diario que a situación que vive hoxe o cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao ten "moito en común" coa que se viviu en 1987.

"Están en xogo os postos de traballo como daquela", sinala, "aínda que había 1.750 fixos e algo máis de 400 nas auxiliares cando agora constatamos que son moito menos pola redución de persoal", engade. O paso de ser pública a pertencer a unha multinacional non muda que, para este sindicalista, "o panorama sexa o mesmo, co mercado internacional do aluminio en mans de dúas ou tres multinacionais".    

Alcoa beneficiase das circunstancias

Para García Otero "a baixada do prezo do aluminio na Bolsa de Londres ese ano e os contratos ruinosos con Xapón" xa indicaban o camiño do fechamento. "Aproveitaron a conxuntura da parada da fábrica para modernizala e que subira o aluminio, e agora o mesmo", afirma. "Alcoa non ten interese en deixar as cubas funcionando para ningunha empresa" e a razón sería "xustificar de cara aos seus accionistas que a factoría de San Cibrao non era rendíbel".

O paso dado pola multinacional norteamericana no seu día quedaría xustificado para "deixar pasar varios anos e que poida cambiar o mercado", en todo caso "non deixala a unha empresa que é competencia e que podería ter beneficios que non entenderían os actuais accionistas de Alcoa". Este sindicalista ten claro que Alcoa sempre empregou no seu beneficio determinadas circunstancias para negociar para sacar o maior beneficio e na actual situación "ca pandemia mundial da Covid-19 pasa o mesmo". 

Ana Pontón exixe aos Gobernos galego e español que se nacionalice a factoría

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou onte en San Cibrao (Cervo) que "a solución" para Alcoa, cuxa dirección pretende fechar a planta de aluminio da Mariña, é "a nacionalización". A líder nacionalista transmitiu o apoio da formación ao cadro de persoal da factoría, xunto cunha delegación do Bloque. Pontón criticou a postura da  multinacional por mostrar unha "folla de ruta moi clara", para fechar a factoría "única e exclusivamente por decisións empresariais".

Nesta situación, exixiu aos presidentes galego e español "que deixen de esconderse", pois levan "parados desde hai unha semana" e "é o momento dos feitos". Para Pontón "a solución é moi clara, como defendeu o BNG nos últimos meses: unha intervención pública, unha nacionalización, que garanta que as cubas non fechan".

Comentarios