Venda ou intervención

Alcoa retorna ao punto de partida sen balas na recámara

A nulidade do despedimento colectivo de Alcoa deixa a multinacional con pouca marxe de manobra. Os traballadores exixen agora unha rápida e contundente resposta das administracións que force a multinacional a retomar as negociacións para unha posíbel venda nos mesmos termos que a deste verán. No caso de que non acceda, entenden que a factoría debería ser intervida para garantir a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo.
Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que considera nulo o despedimento colectivo na planta de San Cibrao (Cervo) deixa Alcoa sen moitas alternativas, máis aló do recurso de casación ante o Tribunal Supremo. A decisión xudicial devolve o conflito practicamente ao punto de partida. Poucas son as opcións que lle quedan á multinacional norteamericana, e a maioría pasan por botarse a un lado e deixar que un terceiro actor garanta a continuidade da actividade industrial na Mariña.

O que queda claro é que a sentenza obriga Alcoa a sentar novamente a negociar, ben co cadro de persoal, ben coas administracións públicas, unha solución que permita que a planta de aluminio primario volva funcionar a pleno rendemento. A empresa é a maior interesada en que isto sexa así, xa que do contrario seguirá engrosando as súas perdas, de 1 millón de euros á semana por manter activas as cubas de electrólise, segundo os seus cálculos, e de dez millóns de euros pola folga que manteñen os traballadores.

Isto devolve o conflito ao 27 de setembro, data na que Alcoa rexeitou as ofertas de Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Tamén cabe a posibilidade de que pretenda negociar un novo despedimento colectivo. Segundo explica a Nós Diario o profesor de Dereito Administrativo da UDC Carlos Aymerich, "esa opción pode habela se demostra que agora negocia de verdade, de boa fe, pero é unha vía complicada". "Se leva sen moverse desde que anunciou que ía pola liña do fechamento, non creo que vaia mudar a súa posición agora", argumenta Aymerich.

O titular de Dereito Administrativo da UDC considera que as administracións, nomeadamente a Xunta e o Estado español, "non deben agardar a ver o que fai Alcoa", senón levar a cabo unha intervención "unilateral e coercitiva", como a que propuxo no seu día para as plantas da Coruña e Avilés. "Unha rápida resposta das autoridades tal vez sexa a única forma de que Alcoa se aveña á venda por verse presionada no sentido de que ou vende voluntariamente ou vaise ver privada da propiedade nunhas condicións peores", sinala.

"A solución é a mesma que foi sempre, que ten que haber unha intervención pública da Xunta e do Goberno español, porque é evidente que o que Alcoa quere é fechar a planta de aluminio primario, xa que desa forma elimina unha competencia", remarca Aymerich. "A cuestión é se a intervención ten que limitarse á planta de aluminio primario ou, eventualmente, debe incluír tamén a planta de alúmina. Ese é o debate neste momento, porque agardar que Alcoa vaia mudar a sua actitude ou os seus plans a estas alturas sería algo absolutamente irreal", conclúe.

Tres ases na manga 

No novo escenario Alcoa xa non garda balas na recámara e, pola contra, os traballadores teñen, se cabe, máis forza que antes. Como sinala o presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, coa sentenza "volvemos á liña de saída con tres ases na manga. O primeiro é que os despedimentos xa quedan sen efecto; o segundo, que teñen moi difícil conseguir sacar un ERTE, xa que varias das argumentacións que empregaron quedaron deshabilitadas por actuar de mala fe, e o terceiro é que Alcoa ten que decidir que vai facer, e nós temos aquí paralizados na fábrica cen millóns de euros que quererán mobilizar e poder utilizar. Eles terán que moverse e nós estar á expectativa do que finalmente decidan facer".

Na súa opinión, a venda a un  terceiro, como pode ser Liberty, "é o máis viábel que temos agora mesmo", pero cre que se sentan a negociar farano coas portas fechadas co Goberno. "O que teñen que facer é sentar, buscar unha saída do país digna e marchar". "Agardamos que o fagan canto antes, porque o que non ten lóxica é que unha multinacional queira imporse a dous Gobernos", valorou o presidente do comité de empresa. 

No caso de que Alcoa non se decidise a vender, ben á SEPI ou á Liberty House, Zan entende que os Gobernos están na obriga de intervila."Iso quedoulle claro a todo o mundo", dixo o representante dos traballadores, que entende que nese suposto "non quedan escusas para non aplicar a intervención", e máis despois de que os xuíces certificasen que a empresa actuou de mala fe e sempre co feche como obxectivo.

Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou mercalo na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita a túa subscrición xa!

Comentarios