A ALUMINIA ADVIRTE QUE A SOLUCIóN é TEMPORAL

Alcoa retira o despedimento colectivo

Após a poxa eléctrica a transnacional estadounidense avanzou que retira o ERE. 

Esta terza feira e após unha xuntanza con representantes do cadro de persoal, Alcoa anunciou que retira o despedimento colectivo nas plantas da Coruña e Avilés.

De se confirmar o resultado da poxa dos servizos de interrumpibilidade non haberá despedimentos. Iso si, aclararon desde a dirección de Alcoa, a solución é temporal e a "vulnerabilidade" de ambas as dúas factorías mantense. 

Así as cousas, através dun comunicado de imprensa a aluminia avanzou que todo apuntaría a uns resultados na poxa que garantirían "a continuidade operativa das plantas nas actuais condicións de mercado". 

No entanto, acrecentan, exixen un marco enerxético a "longo prazo" habida conta que o actual sistema só permitiría manter esta situación por un período de "doce meses" e non evitará que se manteñan "con dificultades" as factorías de A Coruña e Avilés
 

Un "respiro" para o persoal

Desde os cadros de persoal de Alcoa en Galiza e Asturies a nova foi acollida con emoción após semanas coa incertidume de se poderían manterse os postos de traballo. Através dunha intensa campaña de mobilizacións o persoal de Alcoa na Coruña defendeu o mantemento da actividade e unha "solución" para as 400 persoas que operan na planta.

Pola súa banda, o representante da CIG, Julio Moskowich, asegurou que embora ser "un respiro" para os cadros de persoal da Coruña e Avilés o resultado aínda non é "definitivo". Neste senso, dixo que hai que agardar a que o resultado sexa oficial da man da Comisión Nacional de Mercados e da Competencia que debe validar o proceso de poxa. No entanto, non se rexistraron incidencias. 

Perante as advertencias lanzadas pola dirección de Alcoa que apela á "vulnerabilidade" das plantas para Moskowich a transnacional estadounidense "dá unha de cal e unha de area" nas súas declaracións.

Comentarios