Alcoa ofrece unha saída ao persoal de Alu Ibérica se renuncia á vía xudicial

A factoría coruñesa está en fase de liquidación e ten varias causas xudiciais pendentes. Alcoa, con todo, desbota recuperar as plantas da Coruña e Avilés.
Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A compañía Alcoa sinalou esta quinta feira, a través dun comunicado, que está a explorar a posibilidade de "alcanzar un acordo global que finalice todos os procedementos legais" relacionados coa venda das súas antigas plantas na Coruña e Avilés (Asturies).

Ambas as factorías foron vendidas a Parter en 2019, nun proceso avalado polo Goberno estatal e apoiado polos representantes do cadro de persoal, salienta Alcoa. A coruñesa, Alu Ibérica, entrou en fase de liquidación o pasado 22 de febreiro.

Deste modo, busca unha opción "que permita unha solución rápida e razoábel para todas as partes involucradas". "Alcoa sempre actuou con total transparencia e de conformidade coa lexislación española no proceso de venda. Porén, as accións dos posteriores propietarios tiveron un impacto negativo para os ex empregados de Alvoa que fican nas plantas, o que derivou en varios procedementos xudiciais", reza o comunicado-

A empresa propón unha "transacción global moi razoábel" que permita unha "rápida solución" ás distintas causas abertas. A proposta, din, está condicionada a que se alcance un "acordo global" que sexa aceptado "por todas as partes interesadas".

"Alcoa ten a intención de continuar adoptando todas as medidas legais que procedan contra os compradores das plantas, xa que son as súas actuacións as que crearon a situación prexudicial que afrontan a compañía e máis os seus ex empregados", engade.

No caso de non alcanzar un acordo, a empresa cre "firmemente" que o seu recurso actual perante o Tribunal Supremo "debería prosperar".

Por último, Alcoa lembra o acordo ao que chegou o pasado decembro cos traballadores para promover a viabilidade da planta de aluminio de San Cibrao (Cervo), na que agora centra "todos os esforzos, realizando os investimentos precisos, colaborando coas administracións implicadas e, sobre todo, mantendo o compromiso cos traballadores, cuxa implicación é fundamental".

Comentarios