Alcoa desaparece das reunións

A multinacional non participou na reunión multilateral telemática convocada polo Ministerio de Industria e tampouco na última xuntanza do período de consultas do ERE.
Traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao no exterior do lugar da reunión (Nós Diario)
photo_camera Traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao no exterior do lugar da reunión (Nós Diario)

A ausencia de Alcoa na reunión multilateral telemática convocada para a pasada cuarta feira pola ministra de Industria Reyes Maroto e a non comparecencia tampouco na última xuntanza co comité de empresa en Lugo eleva a tensión entre as partes. Desde a representación do cadro de persoal faise un chamamento máis ás Administracións para que interveñan para evitar os despedimentos en San Cibrao.

"Necesitamos que alguén arbitre isto", afirmaba José Antonio Zan, presidente do comité de empresa cando constatou que a multinacional marchaba de Lugo sen querer sentar con eles. "Onte comportáronse como auténticos voitres e hoxe queren facerse as vítimas de que sufriron moito e que o pasaron mal, e aquí non hai ninguén", opinaba, "non entendemos por que as autoridades permiten isto", engadía. 

A multinacional aseguraba nun comunicado que persoal da planta de aluminio "impediron o seu acceso con intimidación e violencia". Zan contestaba que "se comparamos tirar un ovo para estar despedindo..., que o poño en dúbida porque non contaron unha verdade desde hai tempo", aseguraba o presidente do comité de empresa.

O persoal de Alcoa concentrarase hoxe a partir das 10 horas diante do Parlamento galego, en  Compostela, con motivo da sesión constitutiva da Cámara, para demandar que Alcoa abra o proceso de venda a Liberty House "sen condicionalo a un ERE ou ERTE" nin "á parada de cubas”. Ademais solicitarán, ás novas e novos parlamentarios que apoien "as súas reclamacións" tendo en conta que finalizou o proceso de consultas do ERE.

Comentarios