“Alcoa déixanos en pelotas mais non tiramos a toalla”

Traballadores da quenda de electrolise denuncian cunha foto a situación nos que os quere a multinacional.

alcoa protesta

A denuncia do que Alcoa está a facer na planta de San Cibrao ten diferentes vías e actuacións: manifestacións, escritos ao xulgado, barricadas.. e tamén a fotografía. Os traballadores dunha quenda de electrolise, dos que están directamente afectados polos despedimentos impulsados pola multinacional, fixéronse unha foto “en pelotas”.

“Alcoa déixanos en pelotas mais non tiramos a toalla” é a lexenda que figura na mesma, unha imaxe que axiña se estendeu de móbil a móbil a través de vías como whatsapp.

E é que a loita polo futuro de Alcoa e a comarca continúa. Esta segunda feira, 19 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anunciou que a vista para estudar a medida cautelar contra o ERE de Alcoa terá lugar o vindeiro día 28 deste mes na Coruña.

As centrais sindicais CIG, CCOO e UXT informan de que, xunto ao comité de empresa, pretenden impedir con estas medidas cautelares que a multinacional inicie a parada das cubas de electrólises. "Permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversíbel nas capacidades produtivas da fábrica de San Cibrao (Cervo) e lastraría calquera posíbel saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción", advirten.

Entre esas saídas, os traballadores seguen agardando pola intervención, mais na Xunta parece que non é a prioridade. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que apoiará a intervención da planta de San Cibrao (Cervo) "se chegado o momento ese é o camiño".

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao vén de convocar unha "gran manifestación" para o vindeiro sábado 24 de outubro en Lugo, onde rexistrará unha solicitude dirixida ao Goberno estatal para a intervención pública "temporal" da planta.

Comentarios