Alcoa "continúa na loita"; próxima parada: Lugo

Os traballadores da planta de aluminio volveron cortar estradas en Xove este sábado e chamaron a unha "marcha masiva" na Cidade Amurallada de hoxe en oito días.

EuropaPress_3378735_trabajador_sostiene_bengala_nueva_manifestacion_convocada_comite_alcoa
photo_camera Un traballador sostén unha bengala durante a manifestación deste sábado (Carlos Castro / Europa Press)

Os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao volveron cortar estradas e levantar barricadas, esta vez en Xove (A Mariña), para "continuar na loita" por atopar unha solución que evite o feche da factoría de aluminio do complexo mariñao.

Ataviados cos seus uniformes, os traballadores cortaron durante 45 minutos desde as 11.30 horas a estrada N-643 a altura da rotonda do Terramar e o acceso ao corredor que conecta Xove con Viveiro.

Alí levantaron barricadas con pneumáticos en chamas baixo a mirada de varias patrullas da Garda Civil. Unha semana despois de coñecerse a decisión da multinacional de executar o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores e a hibernación das cubas, os traballadores apelaron a manter "a loita viva" para presionar a empresa a negociar unha venda.

De feito, traballan xa na convocatoria dunha manifestación para o sábado, 24 de outubro. Será en Lugo e quérena converter en "masiva", polo que convidan a que cada traballador leve á cidade a catro persoas para participaren na marcha.

Cautelar

A protesta deste sábado, que se disolveu contra as 12.15 horas co apagado das barricadas e o restabelecemento do tráfico na zona, produciuse horas despois da presentación da cautelar coa que os traballadores da fábrica de Cervo pretenden paralizar temporalmente o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa.

A cautelar foi presentada no rexistro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), segundo informou o comité de empresa nun comunicado co logo dos tres sindicatos (CC.OO., CIG e UGT).

En concreto, pídese a intervención ou administración xudicial da planta de aluminio por parte da SEPI (sociedade estatal de participacións industriais) e "subsidiariamente que se ordene a Alcoa non comezar coa paralización das cubas e en consecuencia non executar os despedimentos individuais en tanto non exista sentenza firme".

Comentarios