Alcoa acende as alarmas en San Cibrao

As fábricas de aluminio galegas afrontan semanas decisivas para o seu futuro. Na planta de Alcoa, en Cervo, a dirección recoñece que a situación é insostíbel e chama aos traballadores a unha xuntanza na que analizarán posíbeis medidas a tomar. A compañía admite que podería haber consecuencias no eido laboral.
Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

As incertezas sobre o futuro das plantas galegas de aluminio non fan máis que medrar. Se hai uns meses a maior preocupación era lograr un marco enerxético estábel que garantise uns custos de produción cos que poder competir nos mercados, hoxe, nun escenario económico marcado pola crise derivada da COVID-19, a máxima é manterse en pé. E non parece unha tarefa sinxela. Tanto na planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), como na de Alu Ibérica na Coruña, a actividade non está nin moito menos garantida. 

Proba diso é o escrito que vén de remitir o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, á representación dos traballadores da planta de San Cibrao, no que se convoca o comité a unha xuntanza que terá lugar mañá nun restaurante da cidade de Lugo, onde se abordarán medidas ante a situación "insostíbel" da factoría da multinacional.

De  momento, como explica a dirección na convocatoria, non se vai iniciar "ningún procedemento legal oficial" até que se lles trasladen as diferentes opcións "que están a ser tomadas polo grupo" aos empregados, "incluíndo medidas laborais", apunta sen facilitar máis datos. Do que se trata é de abrir "un período de conversas informais para explicar en detalle a situación actual, as súas causas e para discutir alternativas e medidas sen a presión do prazo legal", engaden.

A xuntanza prodúcese tan só unhas semanas despois de que a multinacional anunciase que non ía reparar as cubas da fundición unha vez que estas chegaran á fin da súa vida útil, unha decisión que tivo un impacto inmediato na industria auxiliar da comarca.

Os traballadores, pola súa banda, amósanse preocupados polo futuro da factoría e pola incidencia que esas medidas que está a barallar a empresa poidan ter no emprego e na actividade da planta. Tamén lembran que seguen "sen resposta" do Ministerio de Industria ás solicitudes que lle trasladaron para convocar a mesa multifuncional de Alcoa San Cibrao. 

Caos na Coruña

Na Coruña, os problemas son doutra índole, pero teñen a Alcoa tamén polo medio. De feito, esta semana vence o prazo que lle deu a multinacional norteamericana ao fondo suízo Parter Capital para que aclare se vai cumprir os compromisos que adquiriu cando asinou o acordo de venda das plantas da Coruña e Avilés. Parter xa non ten o control destas factorías, xa que vendeu o pasado mes de abril unha participación maioritaria na sociedade que as controla a Grupo Industrial Riesgo

O novo dono, pola súa banda, aproveitou onte para criticar as "numerosas irregularidades por parte dos xestores anteriores" nas plantas da antiga Alcoa. Nun comunicado, a nova dirección de Alu Ibérica (a sociedade que aglutina as plantas da Coruña e Avilés) sinala que no mes e medio que leva á fronte da xestión das factorías detectou incumprimentos como a falta de formulación das contas anuais do exercicio 18-19, o que "é unha grave irregularidade" e imposibilita á directiva actual a presentar o Imposto de Sociedades correspondente a ese exercicio.

Tamén sinalan "outras anomalías", como o mantemento de clientela a perdas durante anos, fose cal fose a súa conta de resultados. Neste sentido, os novos xestores pregúntanse "por que se mantivo esta clientela a perdas durante tanto tempo, ou cal era o obxectivo real das vendas".

Grupo Risco sinala que, ante os "problemas detectados", aceleraron os traballos para realizar unha auditoría que avalíe a xestión anterior. "Non imos deixar que as familias que dependen destas plantas pensen que somos nós os responsábeis dunha situación que deberían de emendarse hai tempo. O engano e a desidia conduciron as plantas até a situación na que estamos hoxe", sinalan no comunicado.

Denuncias do comité

Fronte ás denuncias presentadas polos comités de empresa, a nova dirección afirma ademais que está a elaborar un "informe minucioso" de como foi a xestión do persoal e de recursos por parte dos xestores anteriores, que servirá de base para aplicar accións co propósito de corrixir as irregularidades que se detecten. 

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, dixo que os traballadores levan tempo denunciando a xestión "desastrosa" de Alcoa, polo que Grupo Riesgo "non vén descubrir nada novo". "Que fagan o que teñen que facer", indicou, pero sen esquecerse de "investigar" tamén o seu "socio" Parter polo incumprimento dos investimentos nestes últimos meses.

Comentarios