Susana Montesinos, nai / EU VOU Á GREVE DO 8M

“Agora máis que nunca, temos que saír á rúa”

Continuamos coa serie de voces a prol da greve feminista deste 8M.

susana montesinos

Catalá residente en Galiza e nai dunha nena pequena á que vai levar ás manifestacións do 8M, Susana Montesinos vai secundar a convocatoria de greve do 8M. Actualmente está a preparar as oposicións e non ten traballo asalariado, o que non é, lembra e puntualiza, “que non teña traballo", pois as mulleres "traballan todo o día”. Algo que elas saben moi ben o que significa e eles, non tanto. Iso só explica xa a necesidade dunha xornada de paro como o 8M.

“Cos tempos que corren de regresión de dereitos en moitos niveis é máis que nunca necesario saír á rúa para reivindicar eses dereitos como mulleres”, afirma Susana. O 8M a greve non é só laboral e estudantil, tamén de coidados e consumo. Ela propia recoñece que, cunha crianza pequena e un compañeiro que traballa ese día, non vai ser doado facer eses paros.

O 8M a greve non é só laboral e estudantil, tamén de coidados e consumo

“Hai motivos máis que suficientes para ir á greve”, salienta. Afirma que vai levar a filla á manifestación que se realice en Compostela e incide na importancia da educación “non só das nenas senón tamén dos nenos” para avanzar cara a unha sociedade sen discriminación de xénero.

Confía en que o 8M haxa un gran seguimento da convocatoria? Dubida un pouco. Ve motivos abondo pero considera que co que está a acontecer “tiña que haber moita máis mobilización nas rúas”. Indica que a manifestación unitaria feminista deste domingo en Vigo “estivo ben de xente” mais, reitera, o escenario actual faría necesario que saíse “moita máis”.

Comentarios