Agamar denuncia a Xunta por "homicidio imprudente" na morte dunha percebeira en 2012

A traballadora faleceu en decembro de 2012 após agardar 40 minutos pola chegada do helicóptero de Salvamento marítimo. O servizo fora privatizado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo un ano atrás o que ralentizou o tempo de resposta do Pesca I.

percebeiras
photo_camera [Imaxe capa josemanueljenleon.blogspot.com]

A Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar) presentou esta terza feira (27 de maio) unha denuncia perante a Fiscalía de Pontevedra pola morte dunha percebeira en decembro de 2012. No escrito presentado, Agamar sinala a cargos da Xunta de Galiza como responsábeis dun presunto delito de homicidio imprudente, omisión do deber de socorro, prevaricación e denegación do auxilio pois a traballadora faleceu após agardar 40 minutos pola chegada do helicóptero de Salvamento marítimo. 

40 minutos pedindo auxilio

M.M.V.M., iniciais da percebeira, foi arrastrada ao mar por unha onda entrementres faenaba nunha zona de rochas limítrofe entre Baiona e Santa María de Oia. Naquel momento, o servizo de resgate aérea tardou perto dunha hora en responder á chamada de socorro o que ocasionou a morte da percebeira. Desde Agamar apuntan á privatización do servizo como principal causa da demora no tempo de reacción e, por iso, exixen "que se depuren responsabilidades".

Neste senso, Agamar denuncia a Francisco José Vidal-Pardo Pardo, entón secretario xeral técnico da Consellaría del Medio Rural e do Mar; Lino Sexto, subdirector xeral de Gardacostas de Galiza; e Juan Fernando De Miguel Posada, director xeral da empresa concesionaria Inaer Helicópteros Off Shore pois "a morte da percebeira produciuse nunhas circunstancias en absoluto normais", apunta en conversa con Sermos Galiza Manuel Maneiro, secretario xeral de Agamar. 

Manuel Maneiro (Agamar): "A morte da percebeira produciuse nunhas circunstancias en absoluto normais"

Para Maneiro "houbo unha demora no tempo de resposta do helicóptero" que execeu o fixado "polos protocolos". De acordo coa normativa vixente Salvamento marítico conta con 10 minutos para facer despegar o servizo de resgate e acudir ao lugar dos feitos.

Gardas localizadas e non presenciais autorizadas pola Xunta

Mais, en troca, o Pesca I tardou até 40 minutos --segundo as testemuñas presenciais-- en chegar até a localización en que se atopaba a traballadora. Para o secretario xeral de Agamar, o tempo transcorrido entre a chamada de auxilio e a chegada do helicóptero debeuse "a que as persoas que estaban de garda non o estaban no aeroporto" de Peinador, onde se sitúa a base do Pesca I. Senón, "nunha garda localizada" que fo aceptada pola Xunta de Galiza cando asinou as condicións no contrato de concesión asinado con Inaer Helicópteros Off Shore.

"Hai que depurar responsabilidades", sinala Manuel Maneiro para quen tanto a Xunta de Galiza como a empresa son "responsábeis" do falecemento da traballadora embora, naquela altura, "todo o mundo" procuras3e "escorregar o bulto", apunta. 

Para Agamar o incumprimento dos protocolos por parte da concesionaria foron amparados pola Xunta de Galiza de maneira que "partillan responsabilidade"

Na denuncia, a Asociación de Mariscadoras exixe que sexa resarcido "o sufrimento das compañeiras que tentaron salvala nunhas condicións e un medio tan adverso como o mar" para alén "da súa familia". Mais deixan en mans da xustiza que cuantifique a cantidade a pagar. Aliás, exixen prisión provisional e fianza para os cargos da Xunta de de Inaer Helicópteros Off Shore. 

O PP levou o Salvamento Marítimo ao monopolio privado
A Xunta de Galiza procedeu en xuño de 2011 á venda dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, de propiedade pública, suscitando un intenso debate da comisión de Pesca en que BNG e PSOE, as dúas forzas que daquela tiñan representación parlamentar canda o PP, se opuxeron frontalmente contra a reformulación do contrato coa empresa Inaer, operaria dos helicópteros, para vender por 13 millóns dúas aeronaves que cando foran mercadas, en 2005, custaran 27 millóns.

Para alén de lle reprochar que presentara como un aforro unha operación en que polo menos debera recuperarse un 12% máis do invertido, a oposición alertaba de que tan pronto como Inaer acabe de pagar os helicópteros poderá impor os prezos que considere, pois non existe outra empresa en toda Europa con aeronaves adaptadas para búsqueda e rescate.

Comentarios