Mar

Afunde o pesqueiro galego que naufragou no Gran Sol após varias horas á deriva

Todos os tripulantes están a ser trasladados "en bo estado" ao porto irlandés de Castletownbere.
O pesqueiro 'Pedras', sinistrado esta cuarta feira en augas do Gran Sol. (Foto: Salvamento Marítimo)
photo_camera O pesqueiro 'Pedras', sinistrado esta cuarta feira en augas do Gran Sol. (Foto: Salvamento Marítimo)

O pesqueiro Pedras, con base en Marín e bandeira británica, afundiu finalmente esta cuarta feira após ficar durante horas á deriva e escorado por mor dunha vía de auga producida a unhas 64 millas ao suoreste de cabo Mizen, en Irlanda.

Os once tripulantes foron rescatados polo barco de pesca Armaven Un e xa foron levados ao porto irlandés de Castletownbere.

Segundo informa Salvamento Marítimo a Europa Press, contra as 16.25 horas confirmouse o afundimento do pesqueiro. Ás 10.16 horas destea cuarta feira recibiuse a chamada de socorro do Pedras por unha vía de auga.

Así, activouse un despregamento de medios aéreos e marítimos irlandeses, aínda que a tripulación foi rescatada "en bo estado" polo Armaven Un. Ambos os pesqueiros están asociados á Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi).

Deste modo, prevese que cheguen a Castletownbere, no condado de Cork, contra as 22 horas desta mesma cuarta feira. Aliás, púidose recuperar a radiobaliza.

O barco estivo á deriva durante varias horas con lume a bordo e forte escora de babor após o rescate ocorridos en augas do Gran Sol. Aínda que dous dos tripulantes tentaron tapar a vía de auga, non se puido evitar o naufraxio.

O pesqueiro da armadora Nia Ltd, do grupo Noray Pesca, foi construído en 1976. Partiu de Marín o pasado 16 de maio. Entre os once tripulantes hai once persoas de nacionalidade española —a meirande parte deles galegos—, marroquíes e ganeses.

Comentarios