Sen aforros e indignadas despois de tres meses sen cobrar as prestacións dos ERTE

Arredor de 240.000 traballadores e traballadaras da Galiza víronse afectadas nos últimos meses por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego. Após este primeiro golpe laboral, moitas empregadas seguen á espera de cobrar as axudas correspondentes, un atraso insoportábel para a súa economía.
tenda moda roupa escaparate (europa Press)
photo_camera Persoal do pequeno comercio é un dos sectores afectado polos ERTE (Europa Press).

Tres días despois de que a Galiza entrase na fase 1 do desconfinamento, a Consellaría de Economía confirmou por volta dos 36.200 Expedientes de Regulación temporal de Emprego (ERTE) no país. O número de traballadoras e traballadores afectados rozou os 240.000. Moitos, seguen pendentes de que se resolva o seu caso, e polo tanto á espera de cobrar unha axuda que o Goberno se comprometeu a pagar desde o primeiro día, por valor de 70% da base reguladora do seu contrato de traballo.

Begoña Lago, empregada nunha tenda de roupa multimarca, quedou na casa desde a entrada en vigor do estado de alarma. "O 14 de marzo mandáronme para a casa despois de comunicarme que eu, ao igual que as miñas tres compañeiras, iamos a un ERTE. E funme coa idea de que o ía cobrar o 1 de abril. Chegou abril e non o cobrei, veu maio e tampouco, e agora en xuño sigo na mesma situación", comenta a Nós Diario. "E non pode ser que nos envíen para casa, que pasen tres meses e que sigamos sen cobrar", denuncia.

O máis alarmante, para Begoña Lago é que, do seu traballo, dúas compañeiras xa recibiron o ingreso correspondente e outras dúas non, "cando as empregas preparan o ERTE en conxunto", polo que deduce “pouco normal” que o expediente se resolvese nuns casos e noutros non. Neste sentido, láiase de que o proceso, ademais de lento, é pouco claro para as afectadas. "É a terceira vez que lle entrego ao Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) unha documentación que xa lles remitira no inicio do procedemento, e o peor é que dan un número de teléfono para calquera aclaración no que é completamente imposíbel comunicar con ninguén".

Indignación

Begoña Lago considera moi inxuto que despois de traballar  desde os 16 anos aos 55 que ten agora, teña estas dificultades para acceder a unha axuda que lle corresponde e cuxa falta a obrigou a botar man duns aforros que non vai ser capaz de volver xerar. "Eu teño a sorte de contar con esta reserva, e tamén co salario do meu marido, que non deixou de traballar, mais teño compañeiras solteiras, cunha crianza ao seu cargo, cun aluguer ao que atender, que suma tres meses de espera coma min. Temos que ir a Cáritas, ao banco de alimentos. Que necesidade temos?", pregunta indignada.

Sen saber como nin cando se vai resolver o seu expediente, Begoña Lago segue sometida a un ERTE convencida de que ninguén pode sobrevivir sen traballar, porque as economías das familias, no mellor dos casos, viven ao día. 

Traballo precario e aforro

Na casa de Bruno Teixeiro, o ingreso correspondente do ERTE chegou hai tres días despois de case tres meses de espera. Como deseñador gráfico autónomo, este tempo decidiu continuar malia a baixada da carga de traballo. A súa parella, traballadora dunha empresa de animación, viuse afectada por un expediente de regulación temporal de emprego que solucionou grazas á súa propia iniciativa. "Había un erro nos dados, e malia que o persoal funcionaro sabía desas deficiencias ninguén se puxo en contacto con ela, talvez polo volume de traballo que acumulan. O caso é que foi ela quen se moveu para que o SEPE finalizase a tramitación do seu expediente".

Cunha crianza de cinco anos, e dependentes dos aforros de dous traballos "precarios" que non sempre chegan aos 1.000 euros mensuais, a familia de Bruno Teixeiro resistiu grazas a un ingreso derivado dun accidente fortuíto. "Foron arredor de 1.000 euros que recibimos por danos e prexuízos, que despois do malo nos axudaron a manternos sen necesidade de ter que pedir axuda á familia ou a calquera outra rede de apoio", destaca en conversa con este xornal.

Despois de tres meses, "hai centos de persoas aínda pendentes de cobrar a súa prestación, advertiron nos últimos días representantes do Colexio Oficial de Xestores Administrativos da Galiza, quen instou a Administración a destinar recursos que aceleren "a resolución de procedementos e reclamaciones" para que esas contías poidan chegar canto antes á cidadanía, máis urxente que pór o empeño en detectar posíbeis infraccións nun momento "excepcional".

As axudas chegan ao persoal de NH Hoteis 

Desde o 20 de marzo ao 4 de xuño. Foi o tempo que esperaron os perto de 90 traballadores do Grupo NH Hoteis na Galiza para cobrar as prestacións derivadas do expediente de regulación temporal de emprego ao que se viron sometidos. "O que nos trasladan é que a empresa se atrasou na entrega da documentación dos ERTE, que nalgúns casos incluían erros que demoraron máis aínda a súa tramitación", explica Leo da Cruz, asesor de hostalaría da CUT. "A empresa non quixo negociar axudas complementarias e houbo compañeiras que tiveron que botar man da familia para poder afrontar o pagamento da hipoteca ou doutras débedas; mesmo algunhas que se viron na necesidade de renegociar co banco os seus préstamos", relata o sindicalista. "Traballadoras con cargas víronse en apuros".

Comentarios