Os administradores xudiciais alertan da baixa actividade de Alu Ibérica

Os administradores xudiciais remiten un informe á Audiencia Nacional para que determine se lle retira a xestión da empresa ao actual equipo directivo.
Instalacións da antiga planta de Alcoa na Coruña, pola que se interesou Alibérico e actualmente en mans da firma Alu Ibérica (Foto: Nós Diario).
photo_camera Instalacións da antiga planta de Alcoa na Coruña, pola que se interesou Alibérico e actualmente en mans da firma Alu Ibérica (Foto: Nós Diario).

Unha fábrica ao ralentí e cun mínimo de actividade. Así é como describe a realidade da factoría de Alu Ibérica na Coruña o informe dos interventores xudiciais, que apunta que das tres liñas de produción, só unha, a de fundición, está activa, pero moi por baixo da súa capacidade. O persoal técnico sinala que a planta traballa, no mellor dos casos, a 30%.

O informe, adiantado por Radio Coruña Cadea SER, será a base para que a Audiencia Nacional decida se cesa aos actuais administradores, investigados por un presunto delito de descapitalización patrimonial das plantas de aluminio da Coruña e Avilés, anteriormente propiedade da multinacional Alcoa.

No documento, para cuxa elaboración falaron co persoal técnico da planta, alertan de que na única liña de produción activa estarían a empregar aluminio nunha porcentaxe superior a 30%. Superado ese límite, din os técnicos, a produción non é rendíbel.

"Esta forma de operar estaría a supor un prexuízo ao patrimonio das sociedades intervidas e, así mesmo, implica un risco elevado de que, a través de dita forma de proceder, se estea a producir un proceso de descapitalización das sociedades intervidas no caso de que as citadas compras de aluminio primario estean a realizarse a empresas ou entidades vinculadas ou relacionadas cos actuais xestores e administradores", indica o informe da intervención.

A liña de electrólise está parada, sen que haxa traballo de mantemento das cubas. Todos os seus operarios están sen actividade. Poñelas en marcha custaría máis de doce millóns de euros. A terceira liña, a de pastas, acábase de fechar.

Á situación industrial, únese a laboral, con cen persoas de baixa das 290 que ten o cadro de persoal, máis dun terzo. O persoal financeiro e administrativo anterior á chegada do Grupo Riesgo, que é o que podería frear certas prácticas, sinalou aos interventores que foi apartado das súas funcións.

"Aprécianse indicios claros de que se produciu ou se estaría a producir un desmantelamento das estruturas administrativas existentes nas sociedades intervidas con carácter previo á entrada do Grupo Riesgo, estruturas que eran aptas para servir de freo e contrapeso ás operacións de descapitalización e despatrimonialización que poidan levar a cabo os actuais administradores", advirte o informe.

Comentarios