Acusan a Medio Rural de asignar "a dedo" o persoal da unidade de investigación de incendios 

A Consellaría de Medio Rural anunciou esta segunda feira, 9 de agosto, a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) que a Xunta vai coordinar en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Organizacións sindicais critican 
Un brigadista após a intervención nun lume na comarca de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press) #incendio #compostela #lume #forestal #galiza #spif #prevencióndeincendios #xunta #mediorural #brigadista
photo_camera Un brigadista após intervir na extinción dun lume forestal. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais, explicou o conselleiro José González estará formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, desvinculados das tarefas de extinción, polo que poderán centrarse especificamente "e con maior intensidade" na investigación dos lumes forestais

Tras confirmar a súa posta en marcha, en pleno mes de agosto, organizacións sindicais non tardaron en censurar a "selección a dedo do persoal", denuncia a CIG, e o proceso "exprés" iniciado pola Administración para darlle luz verde á UIFO, que, segundo asegura CCOO, "incumpre os preceptos legais de provisión de postos" na Xunta da Galiza.

Escolla a dedo en pleno mes de agosto

Desde o sindicato nacionalista manteñen a necesidade destas unidades mais exixen "explicacións de como se realizou a selección do persoal" xa que "sen prazas as que adscribir os profesionais -á espera dunha modificación da Relación de Postos de Traballo que aínda non se negociou e non se vai producir antes do outono-, e sen garantir os principios de publicidade, mérito e capacidade para a provisión destes postos" non se entende como a Xunta "se atreveu a escoller a compañeiros e compañeiras en apenas uns días e en pleno agosto".

Pola súa banda, CCOO tamén cuestiona unha selección "discrecional" de 15 axentes forestais e medioambientais para esta unidade "que incumpre los preceptos legais".

Vía xudicial

"O 3 de agosto remitiuse un correo (...) dando un prazo mínimo de tres días naturais para presentar a documentación, en pleno mes de agosto", salienta nun comunicado. E o día 9, "sen constitución dunha comisión de selección, e sen a aplicación dunhas bases e un baremo obxectivo presentáronse as 15 persoas seleccionadas", critica. Sen coñecer, tampouco as condicións de traballo ás que estarán suxeitas.

Ambos os dous sindicatos censura, ademais unha dotación insuficiente de persoal, por baixo do máis de medio cento de postos de traballo comprometidos pola Xunta para esta unidade.

"Se non se da marcha atrás a esta tropelía, analizaremos a exixencia na vía xudicial, da correspondente responsabilidade administrativa ou penal se fose o caso", advirte CCOO.

Comentarios