Acusan Noa Madera Creativa de coaccionar o seu persoal

A sección sindical da CIG desta empresa denuncia que na actual situación de emerxencia sanitariaimpídeselles teletraballar e o seu dereito á conciliación familiar.

Noa Malasa Creativa (Nós Diario)
photo_camera Comercial Malasa do Grupo ao que pertence Noa Madera Creativa (Nós Diario)

“Non imos permitir baixo ningún concepto as imposicións innecesarias, os abusos, as vulneracións de dereitos laborais básicos como por desgraza está acontecendo xa na nosa empresa”, aseguran nun comunicado desde a sección sindical da CIG de Noa Madera Creativa. Relatan que desde esta empresa “vulnéraselles” o seu “dereito á conciliación familiar, ao goce das vacacións e mesmo á protección da nosa saúde”.

Para a CIG “a empresa pode e debe asumir a parte que lle corresponde, ser solidaria, e polo momento non o está facendo”. Explican que, pola contra, “teima en impor, ameazar e coaccionar ao persoal nunha situación na que debera aflorar a humanidade, a solidariedade e o compañeirismo”.

Aseguran que Noa Madera Creativa “prohibe a posibilidade do teletraballo naqueles postos onde é viábel e onde xa se comprometera a levalo adiante, impón cambios de quendas a traballadoras e traballadores que teñen redución de xornada por conciliación familiar facéndoa imposible e obriga ao persoal a coller vacacións”. Por último din que a empresa “ameaza e coacciona a quen amosa a súa disconformidade con estas medidas”.

Comentarios