Acusan Medio Rural de "enchufar" un cargo do PP na Agader

A praza para un posto directivo dentro da Axencia de Desenvolmento Rural (Agader) é obxecto dunha denuncia por parte do CSIF. Este sindicato fixo un seguimento de todo o proceso e asegura que beneficiou un ex parlamentario e portavoz do PP no concello do Barco de Valdeorras. Non descartan emprender medidas xudiciais. 
José González, conselleiro de Medio Rural, coa directora de Agader e o actual alcalde de Viana do Bolo (Xunta da Galiza)
photo_camera José González, conselleiro de Medio Rural, coa directora de Agader e o actual alcalde de Viana do Bolo (Xunta da Galiza)

"José González Vázquez trata de colocar como persoal directivo o presidente do PP do Barco de Valdeorras, cuxo único criterio de idoneidade é o ser parlamentario do Partido Popular até a pasada lexislatura". Así reza a denuncia que realiza o sindicato CSIF após comprobar como o pasado 23 de decembro de 2020 o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba a convocatoria dun posto de persoal directivo, denominado subdirector de relacións cos grupos de desenvolvemento rural, para a Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader). 

O sindicato sospeitou, nun primeiro momento, que nas bases entrase como mérito calquera tipo de formación, mesmo aquela que non é universitaria, e non a específica para o posto a ocupar. No ámbito da experiencia, a valoración é xenérica, mesmo a docente en calquera tipo de centro público ou privado. Por último, e non menos grave, sinalan a falta do requisito lingüístico  que, como explica o sindicato,  "está expresamente recollido na Lei de emprego público (LEPG) para todos os procesos selectivos, incluídos os procesos de selección de persoal directivo". 

Neste caso, a diferenza doutras convocatorias similares para postos directivos, as bases da Agader eximían de acreditar o coñecemento do idioma galego, ben a través de contar coa certificación oficial e acreditar a posesión do Celga 4, ben a través da superación da correspondente proba de dominio da lingua propia.

O candidato "idóneo" para o posto

Desde CSIF fixeron un seguimento de todo o proceso de selección e atoparon que na primeira parte da mesma, a de méritos, quedaba en primeiro lugar un candidato que era portavoz do Partido Popular no concello do Barco de Valdeorras, deputado provincial, delegado da área de deportes e mocidade na Deputación de Ourense, membro do Comité Executivo e do Comité de Dirección do PP de Ourense, así como deputado autonómico até as pasadas eleccións, nas que, a pesar de concorrer na candidatura do PP pola circunscrición de Ourense, quedou fóra do arco parlamentario. Ademais, laboralmente figura como profesor de música para nenas e nenos de 6 a 12 anos, segundo explica no seu blogue persoal. 

"Para un posto de subdirector, que é o máis alto da carreira administrativa, valorar que deas aulas de música a nenas e nenos de 6 a 12 anos entendemos que non é un mérito", afirma en declaracións a Nós Diario o secretario de organización do CSIF na Galiza, José Sánchez Brunete. 

A segunda proba, unha entrevista telemática, realizouse a pasada sexta feira 5 de febreiro. "Xa están as puntuacións na páxina da Agader e como era de esperar o que quedou primeiro como candidato foi el", relata este sindicalista.

O posto de subdirector de relacións cos grupos de desenvolvemento rural na Agader ten unha retribución bruta anual de 54.151,56 euros. "Unha cantidade sensibelmente inferior ao seu salario como parlamentario (71.899,36 euros) mais infinitamente maior á que percibe como profesor de música en Educación Primaria”, sinalan desde o sindicato. 

O CSIF valora denunciar na Fiscalía

"Estamos valorando levar o tema á Fiscalía", asegura Sánchez Brunete, "parécenos moi forte que este Goberno, ben a través da modificación da lei de función pública, ben a través destas convocatorias, converta isto nun negocio de amigos, colocando os seus”, engade. Ademais, cre que estas actitudes tensan aínda máis a situación co funcionariado público "nun momento en que as e os empregados públicos estamos sometidos a recortes, onde hai carencia de persoal sanitario, onde hai carencia de camas e faltan cartos". 

Este sindicalista vai máis alá e denuncia que "o PP usa cargos directivos públicos para colocar xente que quedou sen escano ou sen Alcaldía e iso non pode ser". Cre que "non podemos volver á Administración dos 80 e dos 90", polo que demanda que, desde o Goberno galego, "se falan de profesionalizar a Administración que o fagan e non deixen ocos para colocar a súa xente". Por este motivo desde o CSIF piden que este tipo de postos de responsabilidade estean ocupados por empregadas ou empregados públicos.

“É un posto cuxas funcións son eminentemente de persoal público e, de ningún modo, está xustificado o carácter de excepcionalidade para ser cuberto por persoas que non teñan tal condición”, din no sindicato. Ademais, CSIF lembra que se van convocar procesos selectivos para todos os grupos profesionais para  poder acceder á Administración. “Iso si, en igualdade de oportunidades para todas as persoas aspirantes”, agardan.

Os trienios de Ethel Vázquez en Eposh

O CSIF denunciara en decembro de 2020 a inclusión de cen prazas de funcionarización, conversión de persoal laboral fixo en funcionario, que non se someteron a aprobación no máximo órgano de representación dos traballadores públicos. O persoal laboral fixo beneficiado era de Eposh (Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos), que agora están provisionalmente adscritos ao ente Augas da Galiza.

Coa modificación da coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, cobrarán máis en trienios que o funcionariado de carreira. "2.500 euros ao mes fronte a 25 euros ao mes", explica o CSIF, que salienta que favorece a conselleira Ethel Vázquez, traballadora en excedencia da Eposh.

Comentarios