luns 26/07/21

Acusan Frigolouro de abusar dos contratos de formación

Os sindicatos denuncian que a empresa do grupo Coren está a aproveitarse dos cursos de formación para evitar contratar persoal nunha época de alta producción. 
Rolda de prensa conxunta dos sindicatos CCOO, UXT e CIG (Foto: Nós Diario).
Rolda de prensa conxunta dos sindicatos CCOO, UXT e CIG (Foto: Nós Diario).

Os sindicatos maioritarios no comité de Frigolouro (CCOO, UGT e CIG) denunciaron a empresa cárnica ante Inspección de Traballo após constatar que a firma con sede no Porriño está a botar man do persoal dun programa formativo da Xunta para cubrir postos na liña de produción e vacacións, unha práctica que, ao seu xuízo, afonda na precariedade laboral.

As centrais con representación en Frigolouro ─a excepción do STIF, sindicato de empresa─ denunciaron ante a autoridade laboral o uso "ilícito e indebido" de dous programas formativos no que participan 57 persoas alleas á empresa, xa que a compañía do grupo Coren está a situar a algunhas destas persoas en postos de produción, "realizando as funcións sen a presenza dos dous ou máis formadores que por motivos de seguridade e para garantir a calidade do proceso formativo estabelecen os propios programas". 

Neste senso, lembran que Frigolouro adoita contratar entre 30 e 40 persoas debido ao aumento da produción por estas datas, mais nesta ocasión estas contratación non se fixeron porque a empresa está a utilizar as persoas participantes nestes programas para cubrir os postos.

"Usan a este persoal, que non lle ten custes, como man de obra barata para colocalo nas liñas de produción", din.

Entenden que se trata dunha actuación ilícita, "xa que estas persoas non teñen vinculación con Frigolouro mediante un contrato de traballo, non perciben contraprestación algunha e non están de alta na Seguridade Social". Isto fai que Frigolouro tampouco estea a abonar as cotizacións pertinentes, o que supón "unha clara actuación fraudulenta cos organismos públicos".

Todas estas cuestións fóronlle trasladadas á empresa por parte da representación do cadro de persoal, que fixo caso omiso ás queixas. Ademais, o inspector da Xunta que supervisa estas persoas asegurou a semana pasada que ían tomar cartas no asunto, "pero cremos que o único que pretendía era que non presentásemos a denuncia diante da autoridade laboral, porque todo segue igual". 

Os sindicatos insisten en que hai persoal suficientemente formado para traballar na empresa, mais Frigolouro prefire acollerse a este tipo de programas para aforrar "un elevado número de contratacións" nun período de alta produción.

comentarios