Nova xornada de folga en Citroën e acusacións á dirección de "acometer ilegalidades" para impedir os paros

Será esta cuarta feira, con paros de catro horas por quenda.

citroen folga

A folga da pasada quinta feira, 16 de maio, contra a sobrecarga de traballo foi un éxito, indican os sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UXT, sinalando que o seguimento de 80% obrigou a paralizar a actividade nas liñas de montaxe. Un paro que contou co apoio da CUT e que se volve repetir esta cuarta feira, día 22, tamén por quendas.

As tres centrais convocantes da folga denuncian que se acometeron “ilegalidades” por parte da dirección da factoría na xornada de greve anterior. “Substitúen traballadores que deciden secundar a folga”, “preguntan as traballadoras se van secundala”, “impoñen servizos mínimos sen respectar o Comité de Folga”...

Os paros, desta volta de 4 horas, serán de 10:00 a 14:00 horas na quenda de mañá, de 18:00 a 22:00 na de tarde, de 10:00 a 14:00 na quenda central ou normal e na de noite de 02:00 a 06:00.

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación. Nestes meses houbo diferentes accións, desde feches a manifestacións, para denunciar esa realidade. Ante a falla de diálogo e respostas por parte da dirección da factoría de Citroën, convocáronse estas xornadas de folga.

Comentarios