domingo 18/04/21

Acordo para recoñecer o dereito a trienios nos contratos posdoutorais

O obxectivo é restaurar "a rendibilidade sostíbel".
Laboratorio científico na USC. (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press)
Laboratorio científico na USC. (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press)

O persoal con contrato predoutoral (FPI, FPU, Xunta) e posdoutoral (Ramón y Cajal, Xunta, Marie Curie e Juan de la Cierva) que presta servizos nas universidades galegas está máis preto de superar as desigualdades no recoñecemento da súa antigüidade á hora de cobrar os trienios. 

Hoxe, segundo explicou a CIG nun comunicado, na comisión paritaria, na que están presentes tanto sindicatos (CIG-Ensino, CCOO-Ensino e FeSP-UXT) como as tres universidades galegas, alcanzouse o compromiso por parte destas de iniciar o vindeiro 7 de abril unha serie de negociacións relacionadas cos dereitos laborais e retributivos de todas as figuras temporais do PDI amparadas polo II Convenio Colectivo galego. 

O primeiro tema a tratar será precisamente o dereito ao cobro da antigüidade por parte do PDI con contrato predoutoral e posdoutoral. Está previsto que o marco temporal destas negociacións se prolongue durante tres meses e que se leven a cabo reunións cada 15 días. 

Este acordo prodúcese despois de que o pasado mes de novembro as organizacións sindicais presentaran un escrito no Consello Galego de Relacións Laborais solicitando a non discriminación. "Tal e como denunciabamos no escrito e en numerosos recursos xudiciais, a situación de discriminación do persoal temporal nas universidades galegas non se sostén desde o punto de vista xurídico".

Neste senso, as tres universidades galegas tamén se comprometeron a estender estas negociacións sobre outros complementos e dereitos retributivos ás diferentes categorías temporais vinculados con estas institucións. 

Desde a CIG-Ensino avalían "positivamente" o acordo sindical logrado no día de hoxe coas tres universidades galegas, así como que se recupere o papel central da negociación colectiva no marco da comisión paritaria.

"Após anos de ter que recorrer á vía xudicial para vermos recoñecidos os nosos dereitos como PDI, é hora de que sexa na negociación onde se diriman os conflitos e se melloren as condicións laborais de todo o persoal que presta servizos de docencia e investigación nas tres universidades galegas sen discriminación polas súas condicións de contratación nin pola universidade na que traballan", inciden desde a sección sindical.

comentarios