Preacordo entre as dependentas da Coruña e Inditex: suba salarial de 322 euros mensuais

A proposta chega "despois de denegar unha suba e de menosprezar a súa capacidade de loita", lamenta a CIG.
Acción reivindicativa das dependentas de Inditex a pasada segunda feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acción reivindicativa das dependentas de Inditex a pasada segunda feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Os últimos meses de mobilizacións do persoal de Inditex da provincia da Coruña comeza a dar os seus froitos. A CIG vén de informar dun preacordo existente coa compañía para aplicar un incremento salarial de 322 euros mensuais con carácter inmediato, a partir da nómina de xaneiro e con carácter retroactivo a respecto do pasado novembro. Todo isto, lamenta a central sindical, "despois de denegar unha suba e de menosprezar a súa capacidade de loita".

Esta mellora nos soldos das traballadoras, multiplicada polas 15 mensualidades que perciben, traducirase nun incremento anual de máis de 4.800 euros brutos. Esta proposta, precisan as sindicalistas, "esta vez si, responde ás demandas trasladadas polas dependentas da provincia da Coruña e permite acurtar as enormes diferenzas salariais que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo".

Ao longo deste proceso, iniciado após a multitudinaria manifestación do pasado 6 de novembro na cidade herculina, explican as delegadas sindicais, a empresa foi incrementando a contía que puña enriba da mesa de forma progresiva até alcanzar os 322 euros pactados.

Deste total, 122 euros foron a través do incremento do denominado 'plus sede', "que nunha primeira fase ás traballadores lles pareceu insuficiente e polo tanto continuaron adiante coas mobilizacións e folgas, até conseguir que Inditex presionara a patronal provincial do comercio vario para que se outorgaran outros 200 euros nun plus de convenio específico".

Tras este acordo, e a pesar de que aínda está en fase de negociación o convenio sectorial, as traballadoras acordaron desconvocar a folga prevista para esta sexta feira, día 23, "á espera do texto definitivo que se asine e de que Inditex cumpra con todo o comprometido".

As cantidades acordadas non se asignarán de maneira proporcional á xornada, senón que todo o persoal percibirá a mesma contía, agás as persoas que estean contratatadas a 15 ou menos horas, que obterán a metade. En total, para as traballadoras que teñen xornada completa, a suba suporá 25% do seu salario actual.

Aliás, aseguraron, a este primeiro incremento sumaráselle unha suba de 20€/mes a partir de novembro de 2023 e 40€/mes máis en novembro de 2024. De tal modo que, nos próximos 22 meses, as traballadoras lograrán un aumento de 380 euros mensuais sobre o que teñen agora.

"A loita desenvolvida polas traballadoras das tendas de Inditex é un clarísimo exemplo do que a mobilización e a loita obreira poden conseguir. Nin a propaganda mediática, nin os intentos de Inditex de boicotear a folga e as manifestacións amedrentando o persoal, nin a pretensión de desactivar a loita afastando a negociación da intervención directa das traballadoras para trasladada a Madrid coas cúpulas sindicais, conseguiron dobregar a vontade, a decisión e a firmeza nas reivindicacións das traballadoras", engadiron.

Comentarios