Falece un traballador de 22 anos nun accidente laboral en Padrón

As autoridades abriron unha investigación para determinar a causa do accidente no que perdeu a vida, tras quedar "esmagado" por unha máquina, este mozo que traballaba en Aluminios Cortizo.
Interior da factoría de Aluminios Cortizo en Padrón (Foto: Grupo Cortizo).
photo_camera Interior da factoría de Aluminios Cortizo en Padrón (Foto: Grupo Cortizo).

Un mozo traballador de 22 anos de idade faleceu na madrugada desta cuarta feira nun accidente laboral rexistrado ao quedar atrapado por unha máquina na empresa Aluminios Cortizo, no termo municipal de Padrón.

Segundo informaron fontes da Garda Civil á axencia Europa Press, o accidente laboral tivo lugar contra as 3.50 horas e o operario morreu "por esmagamento".

Alén da Garda Civil, foron mobilizados efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, do GES de Padrón e da Policía Local, segundo indicaron desde o 112 Galiza.

Ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, outra de soporte vital básico e persoal do PAC de Padrón para atender ao home, E.D.C., de 22 anos, que, a pesar dos esforzos do equipo sanitario, faleceu sen que os servizos de emerxencias puidesen facer nada.

Após o acontecido abriuse unha investigación para determinar o motivo deste accidente laboral.

Segundo datos do Ministerio de Traballo, o ano pasado perderon a vida 53 traballadores na Galiza no seu centro de traballo ou dirixíndose ao mesmo, isto é, case unha vítima mortal por semana.

Comentarios