Traballadores de Médicos sen Fronteiras denuncian a súa precariedade cunha acampada

Comezará esta terza feira en Compostela, fronte á sede do MSF, que anunciou a reintrodución da ‘cláusula de produtividade’ –actualmente no TSXG-, uns obxectivos mínimos que non acada 80% dos captadores.

protesta MSF

O persoal de captación de Médicos sen Fronteiras (MSF) redobra a loita laboral que mantén desde hai meses contra a precariedade e os despedimentos. Unha loita que a partir desta terza feira colle o relevo de concentracións e mobilizacións para se concretar nunha acampada en Compostela, na Rúa do Vilar, fronte á sede de MSF en Galiza. Acampada coa que procuran, por unha banda, dar maior visibilidade á súa loita (“Démonos conta que a maior parte da xente descoñécea totalmente”, recoñece Miguel Riaño, traballador de MSF e responsábel da sección sindical de CCOO). Por outra, procurar que a empresa acepte dialogar e negociar ou ben que manteña sen aplicar a ‘cláusula de produtividade’ –que está no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza-. A cláusula é, precisamente, o elemento que está no centro do debate.

MSF anunciou que a partir de xullo reimplantaría esta cláusula, os mínimos que esixe a organización. Uns resultados que, segundo veñen denunciando captadores e captadoras, son abusivos e non están xustificados baixo criterios obxectivos. Non acadalos implica o despedimento disciplinario, sen indemnización. Riaño afirma que por volta de 80% dos traballadores non acadan eses obxectivos.

O cadro de persoal de MSF está integrado por unhas 30 persoas. A acampada que comeza esta terza feira é indefinida. Galiza está a ser vangarda na loita deste colectivo de traballadores de MSF. “Aquí foi o único lugar onde nos organizamos, en CCOO e CNT. Por iso este é o único lugar onde hai conflito”, indica Miguel Riaño. “A empresa non dá moitas intencións de querer dialogar”, recoñece este traballador, que enmarca a acampada nun movemento tamén para intentar evitar que a situación actual se prolongue.

Comentarios