Abanca despide máis dúas traballadoras afiliadas á CIG

A central sindical nacionalista denuncia a "represión sindical" na entidade financeira que botou á rúa dúas traballadoras integradas na candidatura da CIG. 

CIG banca
photo_camera [CIG-Banca]

Abanca despediu na xornada de onte (17 de outubro) a dúas traballadoras que integraban a listaxe da CIG para as eleccións sindicais e este quinta feira (18 outubro) abriu un expediente disciplinario a un outro empregado, tamén candidato. A decisión adoptada pola dirección da entidade financeira súmase a outro despedimento acontecido en Pontevedra, tamén a un candidato da central sindical nacionalista. 

Os despedimentos de Iria Baz (Pontevedra), Rosa Abad (Ourense) e Luís Encinas (Pontevedra) responden, para a CIG, á "represión sindical" que está a practicar Abanca perenta o traballo desenvolvido polo sindicato fronte os casos de corrupción e os escándalos no sector financeiro. "A CIG está actuando con honestidade e transparencia denunciando os casos relacionados coa xestión das Caixas galegas", sinalan. 

A CIG coida que os despedimentos poderían responder ás denuncias feitas pola central sindical perante os escándalos financeiros das caixas

Entrementres, a dirección da entidade financeira "aprobou un código ético que atenta contra a liberdade sindical (obriga a pedir autorización á empresa para participar en organizacións sociais, políticas ou sindicais)" e "mantén na cúpula directiva a persoas que ocuparon altos cargos nas Caixas de Aforros Galegas e en Novagalicia", denuncian. 

"Persecución" sindical

Neste senso a persecución emprendida contra a CIG "semella que podería estar influída polas denuncias formuladas pola central sindical", asegurou o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero. Neste marco e perante a proximidade das eleccións sindicais --que se celebraran o 26 de novembro-- desde a CIG advirten que a empresa está desenvolvendo unha ofensiva contra a central sindical e alertan que mesmo podería agravarse. "Comezou co traslado dunha candidata de Pontevedra para a Coruña; sancións a delegados e familiares; o despedimento de dous candidatos de Pontevedra; o despedimento dunha candidata en Ourense e a apertura dun expediente disciplinario hoxe mesmo a outro candidato de Lugo". 

Para denunciar esta situación a CIG-Banca convoca unha concentración o 24 de Outubro diante da Oficina Principal na Coruña e prepara un calendario de actuacións, que ante a radicalización da persecución por parte da Dirección de Abanca, endurecerá as protestas.

Comentarios