Abanca anuncia un axuste para máis de 350 empregadas

Abanca e sindicatos iniciaron esta quinta feira as negociacións para concretar o axuste de persoal pola integración de Bankoa e Novo Banco.
Oficina coa nova marca Bankoa Abanca, froito da integración da entidade vasca (Imaxe: Abanca).
photo_camera Oficina coa nova marca Bankoa Abanca, froito da integración da entidade vasca. (Foto: Abanca)

Abanca, a entidade presidida por Juan Carlos Escotet, volve anunciar un novo recorte de persoal, desta vez atribuído á integración de Bankoa e a rede española de Novo Banco.

O banco iniciou esta quinta feira a negociación cos sindicatos para realizar un axuste de persoal que, segundo fontes sindicais, afectará unhas 370 persoas, por causas "organizativas e de produción", en varios territorios.

O representante da CIG na reunión, Alberto Carballo, amosou o rexeitamento da central sindical á formulación da empresa xa que, na práctica, di, supón "desfacerse" dun volume de persoal equivalente a "case a totalidade" da dos bancos cuxo negocio asume a entidade galega, pois Bankoa conta con preto de 260 traballadores e Novo Banco, cuns 157.

Tamén critica as condicións expostas, xa que, aínda que Abanca fala de "voluntariedade", iso "é relativo", advirte, e asegura que haberá despedimentos indemnizados, recolocacións e desprazamentos.

En canto á idade, apunta, o banco propón saídas para maiores de 58 anos, pero dá por feito que se non se cubre a cota "terá que tomar medidas traumáticas". Por último, CIG sinala que a dirección trasladou a intención de homologar condicións e horarios.

A próxima reunión está convocada para o 24 de novembro. Os sindicatos esperan entón abordar a afectación de oficinas, que rolda a unha ducia, en contornas urbanas.

A de onte foi o primeiro encontro dentro dun período de conversacións informal que chegará até 31 de novembro ─logo haberá outro de 15 días para fechar o acordo─.

Nel terá voz, pero non voto, o sindicato LAB, que ten 100% da representación sindical dos servizos centrais de Bankoa. Pola súa banda, a CIG denuncia que Abanca "quere trasladar a negociación a Madrid".

Comentarios