Abanca e as antigas caixas avanzan na desigualdade salarial das traballadoras

O novo convenio que negocia a CECA, a patronal das antigas caixas de aforro na que se integra Abanca, propón varios cambios de calado na escala laboral e nos dereitos salariais das traballadoras que aumentan as xa de por si marcadas diferenzas laborais entre homes e mulleres nas entidades bancarias.
Abanca desigualdade
photo_camera Abanca desigualdade

Nun momento en que as empresas traballan por reducir a fenda salarial entre homes e mulleres,  a patronal das antigas caixas de aforro (CECA), que engloba entidades como Abanca, Caixabank, Bankia ou Liberbank, entre outras, parece camiñar na dirección contraria. 

Segundo denuncian desde a CIG, que vén de presentar un informe do impacto en materia de igualdade da proposta de convenio da patronal, o novo marco laboral no que se está a traballar trata de aproveitar a crise sanitaria para impor recortes que agravan a fenda salarial que sofren as traballadoras.

En declaracións a Nós Diario, a delegada da CIG en Abanca Lugo e membro da Comisión de Igualdade de Abanca, Paula Mosquera, sinala que as medidas propostas desde a CECA "repercuten nos postos de menos nivel salarial, ocupados maioritariamente por mulleres". De feito, as direccións de Abanca, Caixabank, Bankia, Kutxabank, Unicaja, Ibercaja, Liberbank, Caixa Ontenyent, Caixa Pollença e Cecabank (entidades que integran a CECA) propoñen eliminar os postos máis feminizados como o de subdirección, que constitúe "o teito de cristal" da carreira profesional das mulleres nas herdeiras das antigas caixas de aforro. "Na dirección e xefes de zona, postos de libre designación, son maioritariamente homes, e de aí cara a arriba a presenza de mulleres é anecdótica", lamenta Mosquera.

"Hoxe director e subdirectora fan funcións similares e precisan das mesmas acreditacións, mais o nivel salarial non é igual. A equiparación debería ser en función do traballo que realizan, non do nivel", apunta a delegada da CIG en Abanca Lugo. 

Recualificación á baixa

Se se eliminan as subdireccións, explica Mosquera, deixaría o teito de cristal nos postos de xestión comercial, que non están regulados no convenio e contan con niveis salariais inferiores aos postos das subdirectoras. Ademais, a CECA pretende que cando unha persoa sexa cesada perda o nivel salarial anterior, polo que a súa proposta de desaparición das subdireccións levaría a unha recualificación á baixa das compañeiras.

Pero os recortes non quedan aí. A patronal tamén quere meter man na retribución por experiencia dos niveis XIV ao VIII da carreira profesional, nos que as mulleres representan 64,73% e nos que, a diferenza dos niveis máis masculinizados, non se perciben trienios.

A CECA tamén está polo labor de suprimir o plus de convenio, creado para compensar a mobilidade funcional, e a axuda de estudos para as persoas con fillos con necesidades especiais, ambas as dúas con especial afección entre as traballadoras. Respecto desta última, desde a CIG consideran que, ademais de ser unha medida "antisocial", supón suprimir un complemento lineal, "polo que a súa desaparición contribuiría á fenda salarial existente entre homes e mulleres".

Flexibilidade horaria e mobilidade 

Outro dos puntos que desgusta ás traballadoras é o relativo á flexibilización horaria que propón a patronal. "Din que para facilitar a conciliación, cando na práctica o que queren é dispoñibilidade total para atender a clientela", critica Mosquera.

Como explica a CIG na análise do seu informe, trátase de horarios sen límite que poden ser cambiados a diario polo sistema de cita previa coa clientela, e que afectan sobre todo aos postos de xestión comercial, feminizados. 

Neste senso, indican que naquelas empresas nas que aumentou o número de tardes laborais, "asistimos a un incremento de compañeiras con menores ao cargo que se viron na obriga de pedir redución de xornada e salario para poder conciliar". Ademais, "no sector hai pactado un modelo de rexistro trampulleiro que facilita a fraude en materia de xornada", engaden desde o sindicato.

En relación á mobilidade, o novo convenio impulsado polas entidades que integran a CECA duplica o radio da mobilidade xeográfica dos 25 até os 50 quilómetros, sen que se considere a existencia de traslado e sen compensar gastos. "A iso hai que sumar que na Galiza as estradas son complicadas e non é o mesmo ir da Coruña a Lugo por autovía, que son 100 quilómetros, que de Lugo a Chantada, cunha estrada con peor firme e máis tráfico", remarca Mosquera. 

"Non é xa unha cuestión de distancias, senón de seguridade", apunta a responsábel de CIG en Abanca Lugo, que cre que con esta medida aumenta o risco de  padecer un accidente in itinere, pero tamén o tempo de traballo polos desprazamentos e o gasto, xa que, como lembra, "as alternativas de transporte público son escasas e hai que tirar do vehículo privado"

Comentarios