A frota artesanal volverá mobilizarse contra o novo regulamento europeo

A Federación Galega de Confrarías adianta unha nova xornada de paro en maio.
Protesta da frota no porto da Coruña, o pasado 26 de marzo (Imaxe: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protesta da frota no porto da Coruña, o pasado 26 de marzo (Imaxe: M. Dylan / Europa Press).

A Federación Galega de Confrarías fai un chamamento a toda a frota artesanal e o marisqueo a secundar unha nova xornada de paro en maio, nunha data aínda por determinar, a modo de protesta contra os cambios introducidos no regulamento de control pesqueiro da Unión Europea para estabelecer novos mecanismos de vixilancia.

Segundo informa nun comunicado a entidade, este foi o principal acordo alcanzado nunha xunta xeral extraordinaria celebrada este sábado, na que tamén se tivo en conta o "éxito de participación" alcanzado polo parón de actividade do pasado 26 de marzo.

Deste xeito, toda a frota galega artesanal e o marisqueo están convocados a participar nunha nova protesta para a que, no entanto, aínda non hai data definitiva.

Aliás, a Federación prevé celebrar unha rolda de prensa o día anterior á devandita xornada para explicar os motivos desta acción.

E é que o sector vén advertindo nas últimas semanas do seu posicionamento en contra deste novo regulamento europeo, que obriga ás embarcacións a rexistrar as súas capturas de forma electrónica e esixe que todas as naves de máis de catro metros estean xeolocalizadas, entre outros aspectos.

O presidente do organismo que agrupa ás e os pescadores e mariscadores do país, José Antonio Pérez Sieira, expuña o pasado marzo a Nós Diario os motivos daquel paro, que agora volverá producirse: "Cada paso que damos parece que ten que estar controlado por cámaras de xeolocalización. Cando traballas nunha de catro metros ou nunha dorna, que non teñen baterías, como se instalarán?".

Neste senso, lembrara o fracaso doutra norma impulsada en 2019: "Daquela fixeron a lei de descartes e non tiñan nada preparado, e o resultado foi que ninguén sabía onde se tiña que descargar un descarte e non se puido implantar", lamentou.

Comentarios