A CIG exixe a "inmediata" posta en marcha de medidas compensatorias para os mariñeiros afectados polo veto á pesca de fondo

Paulo Carril tamén volveu denunciar a inacción e “falta de resposta” do Goberno español e da Xunta da Galiza.
Participantes na manifestación contra o veto á pesca de fondo que decorreu en Ribeira o pasado 8 de outubro. (Foto: Arxina)
photo_camera Participantes na manifestación contra o veto á pesca de fondo que decorreu en Ribeira o pasado 8 de outubro. (Foto: Arxina)

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, exixiu esta terza feira a “inmediata” posta dun plan axudas compensatorias para a frota de mariñeiros que se vai ver afectada nas vindeiras semanas e meses polo veto á pesca de fondo imposto pola Comisión Europea.

A central sindical estabelece dúas vías para activar estas compensacións. Por unha parte, adoptando os plans que se aplicaron durante a negociación dos Tratados de Pesca, o que provocou o “amarre forzoso” de numerosos navíos.

Por outra parte, Carril demandou a aprobación do mecanismo RED, establecido no artigo 47 bis do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras. O dirixente sindical defendeu que é “é imprescindíbel garantir os ingresos da frota” e que “non se compute o desemprego consumido aos mariñeiros afectados”.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG subliñou que este mecanismo debe ser “aprobado de inmediato” e manterse vixente “até que se consiga pór fin ao veto, ben pola vía da revisión do informe científico, que ten que ter lugar nas próximas semanas, ben porque coa interposición do recurso consigamos como medida cautelar a súa suspensión”.

Inacción do Goberno español e da Xunta

Paulo Carril tamén volveu denunciar a inacción e “falta de resposta” do Goberno español e da Xunta da Galiza, e asegurou que se volverá dirixir a ambas as dúas administracións para que adopten a “urxente definición das compensacións”.

Entre outras cuestións, o sindicalista criticou que “o Executivo de Alfonso Rueda segue sen convocar o Consello Galego de Pesca, a pesar da importancia que ten a actual situación e as súas consecuencias”.

Carril tamén reiterou a “necesidade” de que se interpoñan recursos de forma complementaria e unificada. Lamentou que “é incomprensíbel que a Xunta non estea traballando na elaboración do seu propio recurso, cando está lexitimada para facelo e debera facelo”.

Por último, o secretario xeral da CIG volveu facer un chamado para que as distintas entidades patronais e confrarías fagan o seu propio recurso para poñelos en común. Ao tempo, apostou por fixar un calendario de mobilizacións en demanda do inmediato levantamento do veto á pesca de fondo para a frota galega.

Comentarios