A CIG presentará os recursos "que sexan precisos" para evitar que Xesús Pintos "teña que entrar en prisión"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou que a Lei Mordaza na que se ampara a condena non só non foi derrogada, senón que o novo texto que prepara o Goberno español “nin sequera suprime os aspectos máis lesivos da norma e séguense vulnerando os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de reunión”.
Paulo Carril e Manuel Anxo Grandal. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril e Manuel Anxo Grandal. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, asegurou nesta sexta feira que presentará todos os recursos legais "que sexan precisos" para evitar que Xesús Anxo López Pintos, antigo secretario comarcal da CIG-Ferrol, "teña que entrar en prisión".

Pintos foi condenado pola Audiencia da Coruña por atentado á autoridade durante unha protesta do sector naval que tivo lugar en 2012. Agora, o Tribunal Supremo vén de confirmar esa sentenza, que, sumada a outra condena de nove meses pendente de execución, podería derivar no seu encarceramento.

Para evitalo, Paulo Carril e o actual secretario comarcal de CIG-Ferrol. Manuel Anxo Grandal, anunciaron que o sindicato vai presentar en primeiro lugar. alegacións pedindo a suspensión da execución da condena.

A partir dese punto, teñen pensado presentar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, e no caso de que este o desestime, "non dubidaremos en acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo e, de ser preciso, ao Comité Internacional de Dereitos Humanos da ONU”.

Campaña para solicitar un indulto

Asemade, a CIG iniciará unha campaña para solicitar ao Goberno español o indulto de Pintos, e fai un chamamento a toda sociedade e organizacións sociais a que se sumen “porque ante a represión, a unidade debe ser total e sen fisuras, como foi a mobilización no Hotel Almirante en outubro de 2012”.

A central sindical tamén ten pensado reeditar a manifestación decorrida en outubro de 2019 para protestar pola situación de Pintos, e pensa en xuño como o mes no que volver concentrarse en Ferrol.

Segundo explicou Carril, o obxectivo é acadar a amnistía do antigo sindicalista “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Para o secretario xeral da CIG, fica claro que "non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas".

Comentarios