95% de seguimento en Extel da folga polo despedimento de 4 traballadores “por enfermar”

Sindicatos denuncian que a empresa se sitúa “á vangarda” na aplicación dos “aspectos máis lesivos” da reforma laboral.

extel a coruña
photo_camera Concentración diante das oficinas da empresa Extel na Coruña (CIG)

Máis do 95% dos traballadores e das traballadoras de Extel están secundando a xornada de folga de 24 horas convocada para esta segunda feira en rexeitamento ao "despedimentos por enfermar" e contra a modificación unilateral imposta pola empresa sobre os repousos médicos e o uso das horas médicas. Son dados da CIG, que critica que “unha vez máis”, Extel (do grupo Adecco e que presta servizos para un xigante da telefonía como Movistar) “ponse á vangarda na aplicación dos aspectos máis lesivos da reforma laboral”.

A empresa, inciden os sindicatos, acolléndose a un real decreto de hai máis de cinco anos, "ataca directamente a nosa saúde" e despide a catro traballadores e traballadoras “de maneira ruín, en base ao artigo 52d do Estatuto das e dos Traballadores”.

"Esta é a agresión máis aos nosos dereitos dende o ERE a modificación substancial que vivimos nos últimos anos", alertou a sección sindical da CIG durante a concentración que tivo lugar no mediodía desta segunda feira diante das oficinas de Extel en Matogrande.

Presentado conflito colectivo

Dende a sección sindical da CIG rexeitan os argumentos ofrecidos pola dirección para xustificar esta modificación, xa que usa como pretexto a existencia dunha suposta fraude, sen ningún tipo de proba e co único obxectivo de afondar na precarización laboral. Diante disto,  a central xa presentou conflito colectivo contra a decisión da empresa

A CGT denuncia, de por parte, que a dirección da empresa exixe o nome e apelido dos facultativos e facultativas que se negan a dar unha baixa médica na vez dun parte de repouso, como acontecía até o de agora, o que para este sindicato vulnera o dereito á privacidade do persoal.

Sinalan que o calendario de mobilizacións continúa cun paro de 4 horas o vindeiro día 16 co gallo do acto de conciliación que se realizará no SMAC ante a demanda de conflito colectivo imposta pola sección sindical desta central.

Comentarios