40% dos contratos asinados en 2021 son dunha duración inferior ao mes

93% dos contratos formalizados en xullo, de carácter temporal.
A hostalaría presenta unhas altas taxas de temporalidade. (Foto: Europa Press)
photo_camera A hostalaría presenta unhas altas taxas de temporalidade. (Foto: Europa Press)

A xestión da pandemia está agudizando as tendencias presentes no mercado laboral galego con anterioridade á crise sanitaria. Se en xaneiro de 2020, os datos do Monitor de Ocupación de Adecco daban conta de que a Galiza foi o terceiro territorio do Estado onde máis medrou a ocupación temporal, até o punto de que o 90% dos contratos laborais asinados nesa anualidade tiveron unha duración determinada, as cifras de 2021 incidiron dunha maneira acusada nesa lóxica. Tanto é así que entre xaneiro e xuño deste ano fecháronse 24.322 contratos de duración indefinida fronte aos 441.450 de duración limitada, dos cales só 1.280 superaron os 12 meses. 

O 40% dos contratos temporais asinados na Galiza nos seis primeiros meses de 2021 tiveron unha duración dun mes, sendo o 5% destes, concretamente 21.998, dun período igual ou inferior a unha semana e sumando practicamente a metade dos asinados para ese mesmo tempo en 2019. A este respecto, as persoas expertas consideran que esta caída está asociada ao impacto da pandemia no sector turístico e hostaleiro, un dos que presenta as porcentaxes de temporalidade máis altas do conxunto do mercado laboral. Neste sentido, os datos correspondentes aos meses de verán van introducir modificacións importantes á alza.

A precariedade ten xénero

A información da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada o pasado mes de xullo apunta nesa dirección. Así, dun total de 101.702 contratos formalizados, o 7% foron de carácter indefinido e o 93% de natureza temporal, incrementándose, estes últimos, no caso da mocidade e das mulleres, até sufrir as mozas menores de 25 anos unha temporalidade de 96,35%. Para reducir o desemprego en 5.784 persoas, asináronse un total de 101.172 contratos, isto é 3.264 diarios ou 17 por cada persoa que comezou a traballar.

Os rexistros laborais de 2021 non deixaron dúbida do alcance da temporalidade. Un total de 37.182 contratos formalizáronse por un período de entre tres e seis meses, 11.988 por unha duración de seis a doce meses e 1.280 por un tempo superior ao ano. Así é todo, o groso dos mesmos, 176.193, non superaron os 30 días, unha cifra que evidencia a eventualidade desta modalidade contractual e a natureza precaria do mercado de traballo galego. Neste sentido, a temporalidade derívase do marco laboral vixente institucionalizado nas diferentes reformas laborais, que informa da correlación de forzas na estrutura social e debilita a capacidade de negociación das persoas traballadoras.

O sector servizos e a industria concentraron a porcentaxe máis alta de contratacións de duración determinada. Segundo os datos procedentes das oficinas públicas de emprego, no sector servizos só 16.074 dos contratos asinados nos primeiros seis meses do ano foron de carácter indefinido, fronte aos 314.648 de natureza temporal. Pola súa banda, na industria asináronse 2.685 contratos indefinidos e 87.748 de natureza temporal, sendo lixeiramente inferior esta porcentaxe na construción, con 19.830 de duración limitada e 2.305 de prazo ilimitado. As cifras do complexo agrario tamén presentaron altas cotas de temporalidade, sendo de carácter indefinido unicamente 196 das 2.832 novas contratacións rexistradas.

Un cambio legal para rematar cos contratos semanais

A proliferación de contratos de duración semanal é unha das expresións máis evidentes da precariedade do mercado laboral. A este respecto, as organización sindicais teñen reclamado de maneira reitera ao Goberno do Estado medidas para pór fin a unha práctica que a Comisión Europea ten denunciado nas recomendacións recollidas nos denominados semestres. Neste contexto, explícase o anuncio do ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, de arbitrar alternativas para limitar esta modalidade contractual. A falla de concretar a fórmula escollida, desde o Executivo advirten que van ser diferentes ás aplicadas até a data, onde se penalizan estas contratacións cun recargo de 40% nas cotizacións sociais.

Á precariedade cébase coa mocidade

O Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza elaborado polo Consello Económico Social (CES) veu certificar o peor comportamento do emprego na mocidade durante a gran recesión. Recolleu que “mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011 e, de feito, incrementouse en 0,4%; neste curto período prescindiuse de unha de cada tres persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos”.

Os datos de ocupación de 2020 volveron pór de manifesto que a mocidade foi o colectivo máis golpeado pola crise detonada pola pandemia. O número de desocupados caeu en 2020 en 10,8%, debido a unha variación negativa de 12,4% no grupo de 16 a 24 anos e de 10% no de 25 a 29, pasando a representar o 10,3% dos traballadores ocupados entre 16 a 64 anos, a metade de 2008. Neste sentido, as cifras da Enquisa de Poboación Activa (EPA) indicaron que no terceiro trimestre de 2020 a porcentaxe de persoas que traballaron menos horas das habituais ou ningunha representaron neste grupo de idade arredor de 34%, fronte a 25% da franxa de 30 a 64.

A temporalidade e a parcialidade foron as causas do peor comportamento do emprego entre a mocidade. Así, o colectivo sufriu en 2020 as taxas máis altas de parcialidade, estando o 19% do total de persoas ocupadas menores de 35 anos contratadas a tempo parcial, fronte a 13,3% do conxunto de idades; o que supuxo 5,7 puntos de diferenza. Ao tempo, 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos tiveron un contrato temporal, cando no total poboación ocupada esta porcentaxe foi de 22%. Ademais, as persoas menores de 25 anos percibiron de media anual un salario de 12.417,98 euros, o que representou unha fenda salarial de 48,27% a respecto da media dos soldos.

Comentarios