38% dos empregos, en risco pola dixitalización

A dixitalización e automatización da economía adiantan unha auténtica revolución do mercado do traballo. As súas consecuencias xa son evidentes en diferentes ramas da actividade, pero tamén neste caso a técnica non é neutral. Os traballos coñecidos apuntan a un claro compoñente de clase na mudanza en marcha.
Robots de soldadura nunha liña de produción. (Foto: Anna / Adobestock) #innovación #tecnoloxía #dixitalización
photo_camera Robots de soldadura nunha liña de produción. (Foto: Anna / Adobestock)

A transformación do mercado laboral asociado á revolución tecnolóxica é un feito. Malia ratarse dun proceso aínda incipiente, a dixitalización e a automatización do traballo experimentaron unha notábel aceleración nos últimos anos, chamado a incrementarse durante as próximas décadas. Neste sentido, a pandemia veu, tamén, agudizar estas dinámicas, introducindo fenómenos novos como o teletraballo e visualizando outras realidades até agora menos perceptíbeis. Sexa como for, o novo escenario pon en cuestión a continuidade de moitos empregos e obriga a unha ampla franxa de traballadores a actualizar as competencias profesionais para non ficar excluídos do mundo laboral.

Impacto no emprego

Un informe elaborado para o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) por un equipo de investigadores da Universidade de Compostela coordinados polos profesores, Luís Otero González e César García Nóvoa achégase a cuestión na Galiza. Segundo os autores, a unión da robótica, a intelixencia artificial e outras tecnoloxías están introducindo profundas mudanzas e prevén cambios de moito alcance na próxima década, cun importante impacto nas tarefas que actualmente realizan os traballadores galegos. Neste liña, avanzan un escenario onde o enfoque pesimista apunta a que 38% dos empregos se enfrontan a un elevado risco de automatización e nun contexto optimista o 39% sitúase en “risco moderado”.

Os autores sinalan no traballo que “isto non debe ser interpretado como que todos estes traballos desaparecerán, pero si que pode cambiar de forma substancial o xeito de realizarse e teñen unha maior probabilidade de ser substituídos por maquinas ou por persoas de maior cualificación”. 

Nesta dirección defenden que “é preciso mellorar a cualificación e formar en novas competencias e coñecementos para aproveitar a dixitalización e automatización e de que desta maneira sexa un aliado e non unha ameaza”. Na mesma liña, o relatorio incide na necesidade de que os traballadores se preparen para un cambio irreversíbel.

O informe significa que “os efectos da automatización e da dixitalización sobre o emprego provocarán un déficit de profesionais con determinadas habilidades e perfiles moi especializados que as empresas van demandar, e unha transformación do resto dos traballos, cun aumento no nivel de desemprego en perfís de menor formación académica ou non capacitados”. 

A este respecto, o profesor de Dereito do Traballo da Uvi, Jaime Cabezas afirma que “a dixitalización, moi a pesar de todas as esperanzas que se puxeron nela, supuxo máis ben un factor de afondamento nas diferenzas sociais e de discriminación cara a colectivos vulnerábeis”.

Natureza de clase

O impacto sobre o emprego do cambio tecnolóxico ten unha clara natureza de clase. A probabilidade de ser substituído ou de que o emprego desapareza está en función dos perfís profesionais. 

Así, o informe coordinado por Luís Otero e Cesar García sinala que o risco é mínimo para directivos, xerentes, técnicos ou profesionais cualificados e moi alto para empregados da pesca, do agro, da gandaría e do sector das oficinas. Nesta liña, o sociólogo estadounidense e editor da Montly Review, John Foster entende que “o impulso á dixitalización, sen considerar outras políticas públicas, agudiza as desigualdades e a polarización do mercado de traballo, sen mellorar necesariamente a inserción das persoas con maiores niveis de cualificación”.

A destrución de empregos e a reconversión laboral varía segundo as ramas de actividade. Segundo o traballo de Otero e García, o complexo agrícola e gandeiro vai ser o máis afectado pola dixitalización, chegando o risco até o 79% dos ocupados actuais. Ao tempo, superan o 70% de risco outros sectores como a madeira, a alimentación, a automoción ou a hostalaría, destacando estes dous últimos polo súa utilización intensiva de man de obra. Actualmente, a banca é unha das áreas da actividade onde máis se percibe o influxo das novas tecnoloxías na destrución do emprego.  

Foster considera que “o impacto da dixitalización no mercado laboral non é neutral”. Así defende que, “sexa automatización e redución do emprego industrial, redución de tarefas de tipo rutineiro, repetitivas e de tipo manual ou substitución dalgunhas actividades analíticas pola intelixencia artificial, debe gobernarse en beneficio da sociedade e contribuír a crear prosperidade e a reducir a desigualdade social. Para iso, o recoñecemento do valor do traballo é esencial.

A desigualdade nun dobre camiño

O impacto da tecnoloxía no aumento da desigualdade maniféstase en dúas vías. Por unha banda, como consecuencia de desigualdades previas que se reciben e se alargan no mundo das novas tecnoloxías. Pola outra, como causa doutras tantas desigualdades das cales son vítimas, na maior parte, os mesmos individuos e grupos sociais que padecen peores situacións de partida.

Comentarios