32.000 sinaturas apoian a Iniciativa Lexislativa Popular polo emprego da CIG

A central sindical nacionalista presentou no Parlamento a Iniciativa Lexislativa Popular que defende 100 medidas para a creación de emprego e o crecemento económico. Vídeo no interior.

CIG
photo_camera [Imaxes: O. RODIL]

Após meses de campaña, os máis de 32.000 apoios recollidos pola Confederación Intersindical Galega a prol da ILP do emprego chegou esta cuarta feira ao Parlamento. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, encabezaba a manifestación que precedeu a entrega das sinaturas na Cámara lexislativa onde, acompañado polo secretario de Organización, Paulo Carril, o secretario de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo e o responsábel de emprego da central sindical, Miguel Anxo Malvido, fixeron entrega no rexistro das sinaturas. 

A CIG recompilou máis do duplo de apoios requerido para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular. Un resultado, sinalou Suso Seixo en declaración aos medios de comunicación, froito "de facer campaña e moito traballo" nos centros de traballo e a rúa. "O obxectivo de divulgar as iniciativas da CIG para a creación de emprego fíxose", enfatizou o secretario xeral da CIG quen salientou o debate das propostas nalgúns dos concellos do país. 

Un "plan de choque" contra o desemprego

Para a central sindical nacionalista un dos obxectivos fundamentais da ILP é "demostrar que non é certo que as políticas do Partido Popular, exclusivamente centradas no recorte de dereitos laborais, non son a solución". E para o sindicato "a proba están aí". Seixo referiuse aos dados de desemprego rexistrado feitos públicos esta terza feira (2 de abril). "Cifras históricas" que urxen a elaboración dun "plan de choque" con medidas que vertebren todos os sectores. 

Eis o cerne da ILP rexistrada pola Confederación Intersindical Galega que achega propostas "moi lóxicas" e "de sentido común", apuntou Suso Seixo. A Iniciativa recolle "medidas centradas en todos os sectores produtivos", explican desde a CIG, "dámoslle moito valor a todo o que ten a ver co sector primario", un eido económico que, afirman, "ten unhas enormes potencialidades para desenvolver o país". Mais a proposta vai para alén e contempla tamén accións concretas no sector industrial, enerxético e a automoción, entre outros. "Alternativas para todos" que visan "demostrar que si son posíbeis outras políticas", acrecentou Seixo. 

O goberno fecha as portas do Hórreo @s traballador@s

Aliás, a central sindical defende a redución da xornada laboral ás 35 horas. "Hai que repartir traballo", apuntou o secretario xeral da CIG, "máxime neste momento". Pois coa precarización das condicións laborais e os recortes salariais, dixo, "estamos matando o consumo interno e a propia produción nas empresas". 

A ILP será debatida na Cámara lexislativa nos vindeiros meses. Neste senso desde a CIG aseguran que "non temos grandes esperanzas" de que saia adiante en boa medida porque as propostas achegadas, din, "van claramente en contra das políticas que está a facer o goberno español e a Xunta de Galiza". Así as cousas, contan co apoio dos grupos da oposición e co respaldo de máis de 30.000 persoas que asinaron a ILP. "Veremos o que fai o PP". 

De antemán, o goberno galego xa amosou esta terza feira que non abrirá as portas da Cámara ás demandas d@s traballador@s que hoxe, tiveron que ficar fóra dun Pazo do Hórreo blindado máis unha vez por un cordón policial. 

Comentarios