O 31% das persoas que traballan en Galiza cobra menos do salario mínimo

Segundo un estudo publicado pola CIG desde 2009 só aumenta o número de persoas que perciben un salario medio bruto anual igual ou inferior á metade do salario mínimo. 

salario-minimo-2014

Unha análise das rendas salariais permite ver unha imaxe máis ampla arredor das condicións laborais e realidade socioeconómica que atinxe as traballadoras e traballadores de calquera territorio. Neste senso, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) veñen de facer público un estudo arredor dos salarios en Galiza entre 2009 e 2013. 

A organización sindical salienta a merma do poder adquisitivo da clase traballadora, a queda dos salarios medios anuais e o incremento de condicións salariais que sitúan a maior parte d@s operari@s por baixo so Salario Mínimo Interprofesional. 

E é que desde 2009 a 2013 as rendas salariais caeron 3,5 puntos en relación co PIB. Neste senso, se en 2009 representaban o 48%, o pasado ano ficaron nun 44,5%. Asemade, cada traballadora percibe de media no noso país 17.770 euros anuais, un 2,5% menos que hai catro anos e por baixo da media estatal (18.505). 

Segundo os dados analizados pola CIG e tirados pola Axencia Tributaria, durante este período --que, aliás, coincide co estourido da crise económica-- as faixas de renda que incrementaron o número de persoas son aquelas iguais ou inferiores á metade do salario mínimo. Até o punto de que no noso país atopamos 177.543 persoas que perciben menos de 1.872 euros ao ano. Isto é, a metade do SMI

Para a central sindical este feito reflicte o modelo de emprego xerado polas políticas neoliberais e marcado pola temporalidade e a precariedade laboral, como evidencian tamén outros indicadores como o paro rexistrado de maneira mensal ou a EPA. 

Para alén disto, en Galiza o 61% das persoas que traballan cobran menos do salario medio e o 30,9% inferior ao SMI. Esta realidade acrecenta as diferenzas entre as traballadoras e traballadores. Neste senso, salienta que as rendas máis altas percibidas son 77 veces superiores ás máis baixas. 

Comentarios